A Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide lanza unha nova campaña para dinamizar as compras nos comercios locais da vila do 12 ao 19 de marzo.

Esta iniciativa está enmarcada dentro dun programa de actividades denominado, «Sete motivos para mercar no comercio local de Melide», cuxa finalidade é promocionar e difundir as grandes vantaxes dos establecementos de proximidade, así como premiar a fidelidade da clientela.

A 1º campaña deste programa é «O cariño está no comercio local», coa que se quere apelar ao bo trato e atención dos pequenos comerciantes cara a súa clientela. Este sería o motivo número 1 para mercar nas tendas da vila.

Dende o mércores 12 e ata o 19 de marzo, todas as persoas que compren nos establecementos de proximidade participantes poden entrar no sorteo de 5 vales de 50 euros. Para participar neste sorteo a clientela debe subir o seu tícket á APP de Asetem. Non hai importe mínimo para participar nin tampouco número máximo de boletos que se poden subir. Unha soa persoa pode participar con varios tíckets diferentes para intentar conseguir un destes vales de compra.

Para subir os tíckets o proceso é moi sinxelo: rexistrarse na APP (se aínda non se ten conta), entrar no apartado da campaña de «O cariño está no comercio local», subir unha foto do recibo, indicar a data da compra (debe estar dentro do 12 ao 19 de marzo para participar) e o nome do comercio no que se realizou a compra.

A maiores, esta iniciativa terá unha segunda vertente, os comercios interesados enviarán ao correo de Asetem (info@asetem.com) unha foto dun lote con produtos da súa tenda para agasallar a unha persoa especial. Esta imaxe os establecementos deben enviala antes do 11 de marzo. Todas as fotos enviadas serán publicadas nas redes sociais de Asetem para que a xente poida votar polo lote que máis lle guste. Entre todas as persoas que emitan o seu voto na publicación destas fotografías, no perfil de Asetem de Instagram e Facebook sortearase un vale de compra de 150 euros que deberá gastarse no comercio local cuxa imaxe obteña o maior número de «gústasme» nas redes. Para coñecer a tenda gañadora sumaranse os «gústame» de Facebook e Instagram. O período de votación será o mesmo que o da campaña, do 12 ao 19 de marzo.

O venres 21 publicarase no perfil das redes sociais de Asetem (Facebook, Instagram e X) o nome das persoas gañadoras de todos os vales de compra e do comercio.