No marco da Operación CARDENAL, realizada polos compoñentes do Equipo ROCA de Santiago de Compostela, coa colaboración dos Postos de Arca, Boimorto, Arzúa, Melide e a Patrulla da Compañía de Santiago, a Garda Civil detivo a un individuo pola súa presunta implicación nunha serie de delitos contra o patrimonio que xerou unha gran alarma social nas localidades de Boimorto, Arzúa, Curtis, O Pino, Frades, Oroso, Palas de Rei, Vila de Cruces, Lalín e, especialmente en Melide.

O detido é considerado responsable de varios roubos que iniciou en outubro e que inclúe 12 delitos de roubo e uso de vehículos, 22 delitos de roubo con forza no interior de vehículos, 2 delitos de roubo sen forza e 1 delito contra a seguridade viaria ao conducir se permiso de conducir.

O autor dos feitos aproveitaba as últimas horas da tarde e os descoidos dos propietarios para subtraer vehículos coas chaves postas, os cales era posteriormente abandonados en Melide, Estes vehículos roubados eran usados para a comisión de roubos no interior de outros automóbiles estacionados en lugares pouco transitados das localidades afectadas.

O detido empregaba un martelo de emerxencia para fracturar as ventás dianteiras, accedendo á guanteira e subtraendo obxectos de valor do interior. No caso de non atopar botín, causaba danos indiscriminados, como a fractura de todas as ventás e desperfectos no interior do vehículo. Ademais, atribúenselle 2 delitos de roubo de gasoil, usando unha garrafa plástica e unha mangueira para repostar vehículos subtraídos.

A operación culminouse o pasado 22 de xaneiro coa detención do sospeitoso en Melide. Foi sorprendido in fraganti a bordo dun vehículo subtraído en Frades, mentres realizada labores de vixilancia en busca de novos obxectivos.

No momento da detención, o individuo portaba diversas ferramentas usadas para a comisión dos roubos: un gorro para ocultarse, luvas, lanterna, desparafuso, martelo rompe cristais, unha garrafa de 5 litros e unha mangueira de succión.

Grazas á actuación do Equipo ROCA da Garda Civil de Santiago de Compostela: logrouse a recuperación do vehículo subtraído, que xa foi entregado ao seu propietario lexítimo e reuníronse probas que vinculan ao detido con 37 delitos contra o patrimonio e a seguridade viaria.

As dilixencias entregáronse no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Arzúa, onde o detido deberá responder polos feitos imputados.