O alcalde de Toques, José Ángel Penas, o de Sobrado, Luís Lisardo Santos, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, firmaron o convenio para a creación de dous Centros de Día, cun total de 50 prazas. Esta firma produciuse na presentación do Plan de inversións para a construción, reforma ou ampliación de centros de maiores de titularidade municipal na provincia da Coruña.

Para facer realidade o Centro de Día de Sobrado destinaranse 348.000 euros e no de Toques 283.000 euros. Cada unha destas instalacións, de atención diurna, terá capacidade para 25 persoas. A conselleira recordou que este Plan forma parte dun acordo de colaboración iniciado fai 2 anos coa Federación Galega de Municipios e Provincias, co obxectivo de mellorar a atención aos maiores nas áreas máis pequenas e rurais de Galicia.

Logo da firma dos convenios, Fabiola García, agradeceu aos seus rexidores o seu compromiso para dotar aos seus concellos con servizos sociais útiles, eficaces e de proximidade, e deulles os parabéns por ter unha especial sensibilidade de cara as políticas sociais. A maiores, garantiu que «sempre teredes a man tendida da Xunta para seguir, como ata agora, coordinados e traballando coa mirada posta na mellora dos vosos veciños e veciñas».