A Plataforma Ulloa Viva mantivo onte, 21 de agosto, unha xuntanza coa vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Nesta reunión, Díaz coñeceu de primeira man os informes dos membros da plataforma, técnicos e produtoras da zona arredor da problemática polo proxecto de Altri. Membros da plataforma, expertos en distintos eidos como xeógrafos, médicos, biólogos e produtoras da zona explicaron a Yolanda Díaz os efectos que esta fábrica de celulosa tería sobre o territorio.

A vicepresidenta segunda do Goberno do Estado deixou claro o seu rexeitamento ao proxecto de Altri en Palas de Rei e agradeceu a Ulloa Viva a súa «defensa do territorio». Díaz deu as grazas á plataforma «por defender a nosa contorna e un modelo produtivo sostible para Galicia». A vicepresidenta deixou claro que está «radicalmente en contra deste proxecto», que definiu coma «altamente contaminante, e que pon en risco a saúde pública da poboación e carece de valores democráticos primarios».

A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, agradeceu a visita da vicepresidenta segunda do Goberno ao territorio e amosouse convencida de que «despois de escoitar o sentir dos veciños e veciñas, das produtoras afectadas e os informes técnicos, teremos na vicepresidenta do goberno unha garante dos nosos dereitos en Madrid».