A Patrulla de Protección da Natureza (SEPRONA) da Compañía de Santiago de Compostela, en colaboración cunha Patrulla de Seguridade Cidadán do Posto da Garda Civil de Boimorto, detivo in fraganti a un incendiario no municipio de Toques.

No marco das labores de prevención contra incendios realizadas pola Garda Civil, o SEPRONA de Milladoiro e a Garda Civil de Boimorto procederon á detención e posta a disposición xudicial dun veciño de Toques como presunto autor dun delito de incendio con perigo para a vida e a integridade física das persoas.

O detido provocou un incendio en Irago de Arriba (Toques), xerando un foco principal e dous secundarios. Un destes focos propagouse ata unha parcela cunha vivenda, causando gran alarma entre a veciñanza, xa alerta debido a un incendio ocorrido catro días antes nunha masa arbórea a menos dun quilómetro, o pasado 16 de agosto.

A alerta inicial foi dada por un veciño da localidade, o que permitiu á central SOS da Garda Civil da Coruña comisionar rapidamente ao SEPRONA e a Garda Civil de Boimorto. Grazas á rápida actuación dos axentes, procedeuse á detención do presunto autor, o cal portaba dous chisqueiros.

Instruíronse as dilixencias correspondentes por un presunto delito de incendio con risco para a vida e integridade física para as persoas. Ademais, tomouse declaración a testemuñas e realizouse unha reconstrución técnica do itineraria seguido polo presunto autor do incendio. Nesta reconstrución, os axentes identificaron claramente os tres focos do incendio, separados por escasos metros.

O detido foi posto a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Arzúa.

Cómpre destacar que os terreos afectados atópanse dentro da Zona de Especial Conservación Red Natura 2000 «Serra do Careón», un espazo protexido e próximo a vivendas. A rápida intervención dos medios de extinción, tanto aéreos como terrestres, impediu que o lume se propagara con maior rapidez, a pesar das condicións climatolóxicas adversas, con altas temperaturas que dificultaban a súa extinción.