O vindeiro venres, 26 de xaneiro, terá lugar, na Sala Gatos, o concerto Presume de Galego, que forma parte dun dos proxectos que organiza o ENL do IES de Melide. Na presente edición Amoebo será a banda convidada, e contarase tamén coas colaboracións de Verdini e Herbagrileira.

Foi no pasado curso escolar cando se retomou esta iniciativa, que fora posta en marcha no ano 2014,e en paréntese por mor da pandemia, durante os cursos 20/21 e 21/22. Sería esta, a da xornada do venres, a oitava edición.

O Eu presumo de galego comezou sendo un concerto, no que se convidaba a unha banda (pop, rock, eská…)recoñecida do panorama musical galego e no que o alumnado participaba de xeito activo, tanto na organización en si, como actuando como teloneiros da banda, realizando o deseño do cartaz, das entradas e das camisetas promocionais. Así segue a facerse, e así segue considerándose que esta transversalidade é un dos seus maiores atractivos. Nas edicións pasadas foron artistas convidados bandas como NAO, Superoito, Zënzar, Dakidarría, Ezetaerre ou Pauliña.

Previamente ao concerto, e en horario de mañá, o alumnado asiste a un faladoiro no que participa a banda estrela convidada e persoas implicadas na organización do concerto. A temática do faladoiro, independentemente de cómo transcurra posteriormente o debate, é sempre a de falar dos pros, contras, facilidades e dificultades de facer música en galego, fora dos circuítos comerciais de consumo maioritario.

O concerto realízase nunha sala de concertos local, a Sala de Concertos Gatos, sempre en horario de tarde, e o derradeiro venres do mes de xaneiro.

A entrada é de balde para todos os membros da comunidade educativa do IES de Melide. Recibe ademais o apoio do Concello de Melide e de varias institucións e asociacións culturais.

Desde o primeiro momento o concerto de Eu Presumo de galego foi acollido con entusiasmo tanto polo alumnado como polo propio profesorado así como polo resto da comunidade educativa .

Forma parte de este proxecto tamén a iniciativa da Banda da Semana, na que o alumnado fai a súa escolleita de música en galego para que soe nos recreos ao longo de todo o curso.

Foi así como, a partires dunha actividade concreta, chegouse a construir un proxecto ilusionante, que foi premiado , no ano 2019 co “Mil Primaveras Máis”, como mellor proxecto de fomento do galego na mocidade.