Todas as escolas de educación primaria e secundaria da comarca da Terra de Melide teñen aberto o prazo para inscribirse ata o vindeiro luns 22 de marzo. Os pais que desexen solicitar a praza nun centro educativo nos concellos de Melide, Toques, Santiso e Sobrado poderano facer: de xeito virtual, a través da páxina web edu.xunta.es/admisionalumnado, e de modo presencial nas escolas escolmadas.

Ademais, as familias que realicen o trámite en liña, poderán consultar o estado da tramitación da solicitude nas distintas fase do procedemento usando o código que xera a aplicación ao cubrir a solicitude, xunto co DNI da nai ou pai que asina.

Este período de admisión está reservado para o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo e para o que cambia de centro escolar. No que respecta á puntuación que pode acadar calquera futuro alumno ou alumna da escola, tense en conta se a familia xa ten outro cativo ou cativa estudando nese mesmo centro e máis se a zona na que se atopa está preto do domicilio familiar.

Logo, en caso de empate entre o alumnado para unha mesma praza, quedou establecido no sorteo público realizado o pasado 26 de febreiro pola Consellería de Educación que se lle dará prioridade pola seguinte orde: letras “t” e “g” para o primeiro apelido e “e” e “x” para o segundo.

Os centros educativos de primaria e secundaria da comarca son: en Melide, o C.E.I.P Nº1, o Martagona, Mestre Pastor Barral e o IES de Melide; en Toques, o Plurilingüe de Toques; en Santiso, o C.E.I.P de Arcediago; e, por último, en Sobrado, o Virxe do Portal.