Máis dunha vintena de socios e socias da Asetem-CCA interesáronse pola proposta de dixitalización presentada dende a asociación. En concreto son 23 os negocios de diferentes sectores que terán operativa ao longo do mes de novembro a súa propia páxina web, dentro da páxina oficial da patronal.

Estes 23 comercios e empresas terán así o seu negocio nun subdominio da propia web da Asetem, a través da cal poderán vender en liña. “Cada comerciante xestionará o seu propio espazo, que estará no apartado de socios da páxina da asociación, e contará con plataforma de pago para poder vender a través da mesma”, explicou Pilar López, xerente da entidade.

Ademais, o feito de que os comerciantes teñan a súa propia web integrada en www.asetem.com permitiralles un mellor posicionamento na rede e maior visibilidade no ámbito dixital.

Pola súa parte, no caso de que un negocio xa dispoña de páxina web completa, esta será incluída na da Asetem mediante unha ligazón directa.

Unha alternativa gratuíta para os socios
Outra das vantaxes desta proposta é que as páxinas web son gratuítas para os asociados e asociadas, o que lles permite un aforro considerable, “ten en conta que unha tenda en liña supón normalmente para unha empresa un investimento que anda entre os 500 e os 1.000 euros; sen embargo desta forma, ao estar dentro da Asetem aforrarán os gastos de aloxamento web”, destacou a xerente.

A gratuidade da iniciativa foi posible grazas a unha achega económica da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia.

Un futuro dixital
Concienciados coa idea de que o futuro comercial pasa por estar na Internet, “e máis ante as condicións sanitarias que vivimos”, dende a Asetem apelaron á necesidade de tomar conciencia ante a venda en liña.
“Entendemos e compartimos a visión do comercio local tradicional, pero á vista está que todo apunta cada vez máis ao camiño da Internet –dixo a xerente–, aí están as achegas económicas, a maioría delas destinadas única e exclusivamente á dixitalización comercial”.

Bandomovil
Despois de barallar meses atrás a posibilidade de incorporar a aplicación Bandomovil como unha ferramenta máis de información sobre as novas da patronal, este mes de novembro a App xa está dispoñible para a asociación de empresarios. “É unha aplicación que se pode descargar no móbil de forma gratuíta”, sinalou a xerente, “unha vez descargada, os usuarios recibirán todas as actividades, campañas e cursos que realice a asociación, así como calquera outra novidade”, egadiu.

A App Bandomovil para Asetem-CCA serve así como instrumento complementario ás redes sociais e ao xornal Cerne na difusión das novas do colectivo empresarial.