Todo apoio e promoción do comercio e empresas locais é benvido nun momento como o que estamos atravesando. Pensando niso, Asetem – Centro Comercial Aberto actualizou a súa imaxe de cara ao exterior asinando un convenio coa televisiva artista galega Tania Veiras.

“A finalidade desta campaña, como todos os anos, é que se nos coñeza sobre todo fóra de Melide, máis aló da comarca, iso é o que buscamos; que a xente nos veña a visitar e coñeza xunto a nosa gastronomía tamén o noso comercio co único obxectivo de promovelo e difundilo”, explica Pilar López, xerente de Asetem-CCA.

Despois de barallar diferentes opcións, dende o colectivo empresarial optaron pola galega Tania Veiras. “Consideramos que neste momento Tania Veiras é unha artista que está en auxe, que cada vez ten máis presenza na televisión galega, por iso nos pareceu adecuada para desenvolver esta promoción do comercio local a través da súa imaxe”, engadiu Pilar.

O contrato, asinado no mes de xullo, terá unha duración de un ano e entre as iniciativas a desenvolver por parte da polifacética artista están algunhas como a de visitar os diferentes comercios para a súa difusión, coñecer a gastronomía local ou a realización dun par de actuacións musicais co seu grupo “que ben poderían ser na gala de Nadal de Asetem ou incluso antes se as circunstancias sanitarias o permitisen”.

Xa no ámbito dixital está prevista a elaboración dun vídeo para as redes sociais no que se apostará por transmitir unha imaxe de comercio seguro dentro desta volta a unha certa normalidade.

Primeira toma de contacto
Trala sinatura do convenio, Tania Veiras xa tivo a súa primeira toma de contacto co comercio melidense. Así, a finais do mes de xullo desprazouse ata a vila para realizar un pequeno percorrido polos establecementos asociados a Asetem e coñecelos de primeira man.

A xerente do Centro Comercial Aberto melidense destacou a moi boa disposición da artista. “A verdade é que as primeiras experiencias con ela foron fabulosas, estamos moi contentos de habela elixido”, dixo.

Pola súa parte, Tania Veiras amosouse ilusionada co proxecto e a súa difusión. “Faime moita ilusión que contasen comigo, a verdade, sobre todo porque son unha persoa á que lle gusta aportar o seu gran de area e máis nos tempos que están correndo, que sabemos que está sendo difícil para moitos saír adiante; sobre todo para o pequeno comercio local”, dixo.

“Eu o que quero a través da miña imaxe é animar á xente a que merque no comercio local; sabemos que está moi ben comprar nas grandes superficies, pero non nos esquezamos nunca do pequeno comercio, da nosa tenda de toda a vida na que ao mellor xa mercaban os nosos pais e que agora máis que nunca precisan o noso apoio. Uns dependemos dos outros, e ao final todos dependemos de todos, así que teñámolo presente e oxalá a xente se anime, polo ben de todos e polo ben do concello de Melide”, engadiu a artista.