A iniciativa, que se desenvolverá os días 17, 18 e 19 de xuño, substitúe á tradicional Noite Aberta

Toca reinventarse e continuar apoiando ao comercio de proximidade. Pensando niso e que en xuño Asetem-CCA organizaba a tradicional Noite Aberta, este ano a proposta cambia de forma pero non de fondo. Chegan así os “Días Brancos” que se celebrarán o mércores 17, xoves 18 e venres 19 de xuño.

“A proposta é semellante á Noite Aberta, pero adaptada ás circunstancias actuais. Chamámoslle Días Brancos e durante eses tres días os comercios e establecementos asociados participantes, sexan do sector que sexan, contarán con ofertas especiais, iso si no seu horario habitual porque consideramos que nestes momentos non é preciso que as tendas estean abertas máis tempo do habitual”, sinalou Pilar López, xerente de Asetem-CCA.

Durante as diferentes xornadas ademais das ofertas especiais tamén haberá unha decoración especial e animación na rúa “aínda por determinar e que cumpra cos requisitos esixidos en canto a medidas sanitarias de seguridade”.

Diferentes sorteos
Xunto aos grandes descontos que haberá durante os Días Brancos tamén se celebrarán diferentes sorteos unha vez rematada a campaña. Para participar neles é preciso que por cada compra superior a 10 euros en establecementos asociados se faga unha fotografía do tícket e se envíe á dirección de correo electrónico: diasbrancosmelide@gmail.com.

Para aquelas persoas que non dispoñan de correo electrónico, ou que non se manexen coa tecnoloxía, o envío da fotografía do tícket de compra poderá facerse a través dun familiar ou tamén do propio comerciante. Iso si, sexa un familiar ou o comerciante o que envíe a fotografía do tícket, esta deberá enviarse sempre á dirección de correo: diasbrancosmelide@gmail.com.

Unha vez recibida a fotografía no correo, este será contestado coa asignación dun número que será o que entre no sorteo. Deste xeito, posto que non hai un límite de participacións, cantas máis compras se realicen máis fotografías de tíckets poderemos enviar e máis oportunidades teremos de gañar un premio.

Unha vez finalizada a campaña dos Días Brancos, con todos os tíckets recibidos no correo e o número correspondente asignado, procederanse a realizar os sorteos. “O martes seguinte, día 23 de xuño, realizarase o primeiro sorteo –explica Pilar– e cando ese premiado veña a recoller o seu agasallo será el mesmo o encargado de extraer un novo número, e así sucesivamente durante varios días”.

Todos os sorteos serán gravados en vídeo e publicados nas redes sociais de Asetem-CCA. Así, con este sistema cúmprense as medidas de seguridade e evítanse as grandes concentracións de persoas como adoitaba pasar no sorteo da Noite Aberta que tradicionalmente se celebraba no cantón de San Roque a partir das doce da noite.

En canto aos premios, haberá agasallos como un circuíto termal no Hotel Balneario Río Pambre a desfrutar a partir do mes de xullo, unha cea por valor de 100 euros en calquera dos restaurantes asociados a Asetem-CCA, un lote de queixos Arzúa – Ulloa e numerosos vales desconto para investir de novo nos comercios e establecementos da vila.