Finalmente non se celebrará a edición de outono da pasarela de moda organizada por Asetem-CCA.

Tal e como viña sendo habitual nos últimos anos, o colectivo de comerciantes celebraba o desfile Melide Está de Moda na súa edición de primavera-verán, e tamén en outono-inverno; sen embargo, a de este ano, prevista para o vindeiro 26 de outubro cancelouse debido ao descenso no número de participantes. “Detectamos moito interese por parte das tendas de moda infantil, pero non hai ese mesmo grao de interese por parte das tendas de adultos, onde temos a metade de interesados en participar que na edición de primavera-verán. A iso temos que engadir que se trata dunha campaña bastante custosa para que non sexa aproveitada ao máximo, e que en outubro sempre nos atopamos con máis dificultades á hora de dar cunha data axeitada para reservar a Casa da Cultura”, indicou Pilar López, xerente de Asetem-CCA.

Pola súa parte, o desfile de primavera mantense e de cara ao futuro tratarase de potencialo e melloralo para acabar celebrando unha única pasarela ao ano “aínda máis completa”.