A feira de oportunidades do comercio melidense, o Mercamelide, chegará á vila na súa edición de verán cargada de novidades, empezando polas datas e o emprazamento. Celebrarase os días 9 e 10 agosto, venres e sábado, e situarase por primeira vez no cantón de San Roque, ao aire libre, en lugar de no Palacio de Congresos como viña sendo habitual.
“O cambio de localización do Mercamelide cremos que vai a ser todo un acerto, proba diso é o incremento de participantes en comparanza á mesma feira organizada o ano pasado. Pretendemos dinamizar o noso comercio local, darlle pulo e incentivar un dos factores máis importantes na nosa vila como é o comercio de proximidade”, apuntou durante a presentación do que será o primeiro Mercamelide no Camiño o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas.
Pola súa parte, Pilar López, xerente do Centro Comercial Aberto – Asetem, destacou a “ilusión dos comerciantes con esta iniciativa innovadora e pioneira na vila”.
Situado en pleno camiño peregrino, o I Mercamelide no Camiño contará coa participación de 23 establecementos, fronte aos 14 do ano 2018 neste mesmo período.
En canto aos horarios, a feira de oportunidades abrirá o venres 9 de agosto en horario de 17.00 a 22.00h, e o sábado día 10 dende as 11.00 ata as 20.00h de maneira ininterrompida para facilitar as compras a veciños e visitantes.
Como en edicións anteriores están confirmados postos de sectores moi variados, como por exemplo calzado, téxtil, menaxe, alimentación, moblerías, e outros novidosos como establecementos de novas tecnoloxías, seguros e incluso beleza.
Sorteo nas redes sociais
Outra das principais novidades nesta primeira edición do Mercamelide no Camiño será a celebración dun sorteo a través das redes sociais. Deste xeito, todas aquelas persoas que visiten o Mercamelide e se fagan unha fotografía nalgunha das tendas participantes entrarán no sorteo dun vale de 90 euros para gastar entre os comercios do Mercamelide. Para participar só teñen que subir unha fotografía comprando no Mercamelide ás redes sociais e etiquetar a páxina de Facebook da asociación de empresarios (@asetemmelide), co hashtag #Mercamelide. A imaxe que máis “me gustas” teña será a gañadora do vale de 90 euros. O gañador do concurso darase a coñecer o luns día 12 de agosto.
Actuacións musicais e animación
Paralelamente ao I Mercamelide no Camiño, Concello de Melide e Asetem organizan unha completa programación de actividades para fomentar e animar a xornada de compras na vila. Venres e sábado haberá animación infantil, xogos e talleres.
Finalmente, tanto o venres como o sábado poñerase o punto final a cada xornada de compras con actuacións musicais. O venres 9 de agosto a cita será co músico Roi Casal no parque Rosalía de Castro ás 22h, e o sábado 10 de agosto, será a quenda para os grupos The Cerne e Strobos na praza do Convento ás 22h. Todas as actividades son gratuítas.