A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) Centro Comercial Aberto vai poñer en marcha este verán unha nova campaña que persegue, coma todas, o obxectivo de dinamizar o comercio e fidelizar aos clientes. Trátase do programa MELIDE EDUCA: Busca, merca e desfruta, dirixido aos máis pequenos.
Con este programa Asetem quere reactivar o comercio local e apoiar o tecido comercial da zona fidelizando non só aos adultos senón tamén aos máis pequenos da casa. Como? Organizando talleres e actividades para os máis cativos todos os sábados dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro mentres os pais e nais aproveitan para mercar e realizar as súas tarefas.

Funcionamento
Para poder acceder aos talleres que se celebrarán cada sábado, os participantes deberán ter realizado compras durante o mes anterior por un importe superior a 50 euros en establecementos asociados (podendo xuntar varias compras para acadar o importe total de 50 euros); e tamén deberán presentar polo menos un tícket de compra do propio sábado no que se realiza o taller (un tícket por un importe calquera).
Para inscribirse nos talleres, que serán de baile (mes de xuño), traballos manuais (mes de xullo), cociña (mes de agosto), e teatro (mes de setembro), os interesados en participar deberán cubrir unha solicitude na oficina de Asetem ou por correo electrónico (info@asetem.com). A participación nos talleres será por orde de inscrición.
As actividades celebraranse no salón de actos de Asetem, salvo os talleres de cociña que terán lugar previsiblemente na aula de cociña do Concello de Melide, todos os sábados dende o 1/6/2019 ao 14/09/2019 en horario de 11.30 a 13.30h. O número máximo de participantes por taller é de 30 nenos/as. Máis información no teléfono 981 50 61 88.