Asetem desvela a identidade dos participantes en Cámbiame en Melide

Un desfile solidario a beneficio da Fundación Andrea; así será a próxima edición da pasarela Melide Está de Moda que o Centro Comercial Aberto Asetem organizará o vindeiro 4 de maio. “Despois de barallar a posibilidade e consultar a súa viabilidade, para esta edición de primavera decidimos optar por un desfile de moda solidario”, explicou Pilar López, xerente do CCA Asetem. “Levamos xa algunhas edicións apostando por unha pasarela de moda para presentar as coleccións tanto de primavera-verán como de outono-inverno dos nosos comercios asociados, máis que nada porque cremos que é unha boa opción á hora de dinamizar o comercio, e chegados a este punto, coa pasarela xa consolidada, quixemos dar un paso máis, así que pensamos que a mellor forma de facelo era apostando por unha causa benéfica”, engadiu.

A falta dunhas semanas para a celebración da pasarela, dende Asetem traballan na idea para perfilar os últimos detalles. “Temos que traballar aínda nalgúns aspectos, pero o que si podemos adiantar é que con anterioridade ao día do desfile repartiranse urnas benéficas nos establecementos comerciais de Melide para que todo aquel que desexe aportar algo poida facelo xa nas tendas”, aclarou a xerente. A maiores, o día da pasarela tamén se colocarán urnas en diferentes puntos da Casa da Cultura de Melide.

Cámbiame en Melide
Hai unhas semanas a asociación de empresarios lanzaba, de xeito paralelo á pasarela de moda, a campaña Cámbiame en Melide; unha iniciativa consistente na busca de candidatos -homes e mulleres-, aos que asesorar para realizarlles un cambio de look integral con produtos do comercio asociado.

Rematados os castings, dende o CCA Asetem desvelaron a identidade dos seleccionados. Nesta primeira edición de Cámbiame en Melide as persoas elixidas para o cambio de look son Noelia Fariña, unha moza de Santiago de Compostela de 27 anos de idade; e Manuel Sánchez de 45 anos e María del Carmen López de 41, ambos de Melide.

Agora, nas semanas previas ao desfile, os tres seleccionados someteranse aos tratamentos estéticos, asesoramentos nutricionais e de imaxe, e demais accións necesarias para facer efectivo o cambio de look, cuxo resultado final se dará a coñecer sobre os escenario da Casa da Cultura o vindeiro 4 de maio.

Visita de Eva Iglesias
Tras renovar o seu contrato como imaxe do CCA Asetem por un ano máis, a artista galega e colaboradora da TVG, Eva Iglesias, visitou de novo Melide para realizar unha sesión fotográfica nos comercios locais asociados a Asetem.

Eva Iglesias amosou interese por coñecer máis detalles sobre a campaña Cámbiame en Melide. Despois de explicarlle o funcionamento da iniciativa, tanto Eva como os seleccionados amosáronse con ganas de “ver o resultado final”, e loaron a iniciativa “diferente e divertida” posta en marcha pola asociación de empresarios para esta edición do Melide Está de Moda.