Como en todo sorteo que se prece, a entrega de premios é o momento máis agardado. Iso foi precisamente o que aconteceu nas oficinas do Centro Comercial Aberto Asetem a comezos do mes de febreiro. Deste xeito e para poñer punto e final á campaña de Nadal, unha vez rematado o prazo para que aparecesen todos os galardoados, procedeuse á entrega dos vales de compra a cada un dos afortunados e afortunadas. De mans dos responsables de cada comercio onde recaeron os premios, e da xerente de Asetem, Pilar López, un por un foron recollendo o seu premio. Nesta vixésima edición repartíronse un total de 6.200 euros aínda que finalmente dous premios quedaron desertos: un de 1.000 euros (cuxo número principal se repartiu en Frutería Celia e o reserva en Melimática), e outro de 500 euros (con número principal en Bodegas Mejuto e reserva en Óptica Melide). Os afortunados, que contan cun prazo de 15 días dende a recepción do premio para gastar os seus vales, deberán facelo no comercio de Melide, que recibirá deste xeito unha pequena inxección económica.