Cando as solucións non chegan de fóra, hai que buscalas na casa. O sector leiteiro galego reacciona á prolongada crise de prezos e á feroz competencia do mercado globalizado cunha aposta pola reestruturación e entoando o himno da unión que fai a forza.

Con esa idea catro cooperativas, entre a que se atopa Melisanto, acaban de anunciar a súa integración. O obxectivo máis inmediato é a redución dos custos de produción aproveitando as potencialidades de cada unha delas e compartindo servizos, mais a ninguén se lle escapa que nesta iniciativa pode estar o xermolo do gran grupo lácteo galego no que moitos ven a solución a todos os males que achican o sector.

O primeiro paso nese longo camiño xa está dado trala aprobación nos respectivos consellos reitores de Feiraco, Os Irmandiños, Xallas e a propia Melisanto do acordo polo que se creará a Sociedade Cooperativa de Segundo Grao na que se integrarán. Agora dito acordo deberá ser ratificado o vindeiro 31 de outubro en asemblea polos socios de cada unha das cooperativas. De aprobarse a integración, para o que será preciso que polo menos tres das catro cooperativas apoien o plan, o ente comezaría a funcionar como tal a partir do 1 de xaneiro.

 

Os números

Trala integración o grupo cooperativo pasaría a ter unha facturación conxunta de 196 millóns de euros e controlaría o 20% do mercado lácteo galego. Del formarían parte 4.320 gandeiros, cunha produción de 410 millóns de litros de leite, 240.000 toneladas de penso e forraxe e unha plantilla de 437 traballadores. Os porcentaxes de participación establecéronse en función do valor das cooperativas, que seguirán mantendo a súa independencia unha vez creada a agrupación. Deste xeito Feiraco tería un peso do 45,3 %, Os Irmandiños 30,7%, Melisanto 12,6% e Xallas 11,4%.

A iniciativa está aberta á incorporación futura doutras cooperativas, tanto galegas como de Asturias e Cantabria. Para facelo só deberán reunir dous requisitos: ter unha facturación mínima de 5 millóns de euros e un capital social de 2. Aínda que nun primeiro momento os promotores da iniciativa non contemplan a comercialización conxunta de leite, as portas están abertas para que no futuro tamén se coopere nese aspecto.

 

Un longo camiño

“Primeiro ten que nacer a criatura e despois hai que deixala medrar”. O presidente de Melisanto, Pablo Costoya, amósase cauto sobre o lonxe que pode chegar o proxecto nun futuro pero ao mesmo tempo convencido da súa eficacia para poder saír ao paso dos retos que presenta o sector: “as cooperativas pequenas teñen que unirse, si ou si”, declarou nunha entrevista concedida a Radio Melide. No curto prazo avanza que traerá moitos beneficios para os socios e socias de Melisanto: “vanse ofrecer máis servizos, de máis calidade e máis eficientes ca os que estamos dando actualmente. Tanto en reprodución como en alimentación ou asesoramento legal, e con técnicos de alto nivel. Para unha cooperativa soa, e sobre todo para a máis pequena das catro que somos nós, ofrecer iso é moi difícil”. Explicou tamén que a futura fusión tratará se seguir os pasos dos grandes movementos cooperativos de Europa.