A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) está a organizar unha xornada formativa sobre a factura electrónica. Está dirixida a todas as súas empresas asociadas e terá lugar o vindeiro xoves 22 de outubro en  horario de 10:30 a 12:30 da mañá. A charla impartirase no salón de actos da patronal e será gratuíta. Os titulares de negocios interesados en asistir deben anotarse en Asetem antes do 20 de outubro. Poden facelo chamando ao      981 50 61 88.

Con esta xornada Asetem quere introducir aos seus asociados nas novas prácticas comerciais. Aínda que os autónomos e pequenas empresas non están de momento obrigados a emitir facturas electrónicas, a súa implantación é cada vez maior. De feito, xa son moitos os organismos oficiais, como os concellos, que empezan a solicitar que as facturas lles sexan enviadas exclusivamente en formato electrónico. Se a factura supera os 5.000 euros, xa é obrigatorio empregar esta vía.

 

Programa da xornada

– Que é a factura electrónica: normativas, tipos de facturas, vantaxes da factura electrónica.

– Operar coa factura electrónica.

– Preparar o ordenador: diante das administracións públicas, diante doutras empresas, a un consumidor, recibir facturas electrónicas.

– Punto xeral de entrada de factura electrónica (FACE)

– Aplicacións de facturación electrónica: descarga e instalación de aplicacións.

 

Apuntes sobre a factura electrónica

Unha factura electrónica ten os mesmos efectos legais ca unha factura en papel e recolle exactamente a mesma información. A única diferenza é que a factura electrónica ten un formato dixital e non é necesario escribir cada dato á man. Xa que logo, supón un avance, pois permite realizar este tipo de xestión administrativa dunha forma moito máis fácil e rápida.

As principais vantaxes da factura electrónica son o aforro de custes, a redución do tempo de xestión das mesmas, máis facilidade en procesos de auditoría, menor probabilidade de falsificación e maior seguridade no resgardo de documentos. Este tipo de facturas require á súa vez unha firma electrónica para garantir a autenticidade da mesma. A firma electrónica realízase mediante un dispositivo dixital que grava de forma inmediata a sinatura.

  • Quen está obrigado a emitir a factura electrónica?
  • As sociedades anónimas e as sociedades de responsabilidade limitada.
  • Persoas xurídicas.
  • Organismos sen personalidade xurídica que carezan de nacionalidade española.
  • Empresas que uniron os seus esforzos de forma temporal.
  • Empresas con establecementos en España pero que non son residentes no nosos país.

Os autónomos están exentos da obriga de emitir unha factura electrónica. Do mesmo xeito, as empresas que xeren facturas cun importe inferior aos 5.000 euros tampouco estarán dentro do grupo das entidades obrigadas a emitir factura electrónica.