O presidente de Asetem, Manuel García, e a xerenta de dita asociación, Pilar López, asistiron recentemente a Compostela para participar na xornada “Networking-Comercio de Futuro” que a Consellería de Economía e Industria organizou na Cidade da Cultura co obxectivo de compartir experiencias e opinións sobre os novos retos que afronta o sector.

Na reunión, á que acudiron  asociacións e comerciantes de toda Galicia, participaron cinco emprendedores que explicaron os acertos e as dificultades que atoparon á hora de montar o seu negocio. En concreto, falaron os responsables dunha tenda situada nun ático da Gran Vía de Vigo centrada nos  detalles de voda, dun negocio especializado en queixos, dunha tenda de venda online de zapatos infantís e outra de decoración de interiores.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou durante a súa intervención no acto que todos eles son “exemplos” de como o comercio galego é capaz de adaptarse “aos novos tempos, aos paradigmas da competitividade, aos novos hábitos de consumo e ás demandas dos consumidores”. Conde apelou ao “talento” do comercio galego como factor determinante para afrontar os desafíos do sector.

Esta xornada forma parte do plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 co que a Xunta persegue dinamizar a economía e incrementar nun 15% o número de emprendedores que traballan no sector, ata chegar aos 60.800 en 2020. Outros retos desta iniciativa son triplicar a porcentaxe de establecementos que venden en internet, alcanzando un 14% do total, e incrementar nun 10% o número de comercios que se asocian para competir, chegando ata os 20.000.

 

Interior