Na súa preocupación por formar aos profesionais asociados nas novas fórmulas de negocio, a xunta directiva de Asetem-Cca está a poñer en marcha a través da Confederación de Empresarios da Coruña un curso gratuíto sobre técnicas de venda online.
Beneficiarios
Malia que obxectivo fundamental da patronal é achegar novas ferramentas aos profesionais da empresa e do comercio local, o curso estará aberto tamén a toda a veciñanza de Melide e comarca. Hai 15 prazas dispoñibles: 12 para autónomos e traballadores en activo e 3 para persoas en situación de desemprego.
Data e horarios
O curso sobre técnicas de venda online, cunha duración de 45 horas, comezará o 28 de marzo e rematará o 25 de abril. As clases impartiranse todos os sábados de 9:00 a 14:00 horas no salón de actos da asociación de empresarios.
Inscrición
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do día 19 de marzo. Poderán facelo directamente a través da páxina web da Confederación de Empresarios da Coruña (www.cec.es), entrando no apartado de formación. Se o prefiren, poden poñerse en contacto con Asetem a través do número de teléfono 981 50 61 88 e dende alí facilitaranlles a xestión.
Programa de formación
Ao longo das 45 horas de duración do curso, os asistentes recibirán formación sobre cinco aspectos: web 2.0 e estratexia online, social commerce (uso das redes sociais para a venda), posicionamento en buscadores e analítica web, comercio electrónico e usos do mail corporativo.