Non podía ser doutro xeito;  o  Outono de Tapas tamén deixou este ano un bo sabor de boca nos clientes da hostalería melidense. E sobre todo entre aqueles que probaron os petiscos da Xamonería Os Garceiras e de Casa Estilo, os preferidos de público e xurado nesta quinta edición da Ruta das setas e das castañas.

Cunha puntuación de 7.43 sobre 10, Xamonería Os Garceiras fíxose co premio á mellor tapa apostando por unha das especialidades da casa: as tostas. Un salteado de setas, champiñóns, ovo de paspallás, tomate natural, aceite de oliva e redución balsámica sobre pan torrado, serviu para que o establecemento se fixese co primeiro premio por segundo ano consecutivo. Parte do éxito está en facer moitas probas antes de chegar á versión definitiva, declara a artífice da tosta, Marina Ferreyra: “lo que hago antes de lanzar la tapa es dársela a probar a tres o cuatro clientes de confianza para que me digan su opinión sincera”, declara. A tosta ganadora forma parte xa da carta de Os Garceiras: “la que ganó el año pasado es la que más vendemos y ahora entra esta para hacerle la competencia”, explica con ironía.

Na categoría de Tapa Mellor Presentada ganou o Champimón de Cafetería Estilo, cunha puntuación de 7.09 sobre 10. O seu artífice, Alberto Rodríguez, inspirouse na tapa estrela do coñecido Bar Laurel de Logroño: “tiña claro que quería buscar ese sabor tan característico do champiñón al ajillo”, asegura.  Partindo desa base, engadiulle polbo, queixo San Simón e un gambón. Todo iso “cun golpe de forno” e presentado nunha cunca e sobre unha cama de ensalada de brotes. Malia recoñecer que “comemos polos ollos”, Alberto Rodríguez considera que o primordial nunha tapa é o sabor e non tanto a presentación: “se é guapa e a vistes ben, pois mellor, pero o  que realmente importa é o sabor”.

Cafetería Estilo

                A Ruta das Setas e das Castañas tamén reservou premios para os clientes. Sandra Montoto, que probou as 18 tapas en concurso, resultou agraciada cunha cesta de Nadal elaborada por Casa Juanito. O premio dunha sesión no circuíto termal do Balnerario Río Pambre, extraído entre todas as papeletas de votación, foi para a melidá Irene Ruiz.

Cesta Casa Juanito       Balneario Río Pambre