Asetem asina un convenio con Gesproga que reportará un aforro de ata o 50% nas facturas telefónicas dos socios’, ‘A Asociación de Empresarios Terra de Melide vén de asinar un convenio de colaboración con Gesproga, unha empresa de consultoría telefónica, que lles brindará aos asociados a posibilidade de reducir sensiblemente a factura de teléfono e internet.

O convenio terá un ano de duración, ata outubro de 2013, un tempo durante o cal Gesproga visitará os socios de Asetem para ofrecerlles os seu servizos. En caso de estaren interesados en contratalos, Gesproga analizará as súas facturas de teléfono para ver como poden aforrar. Feita a análise, recomendará os cambios necesarios para reducir custos.

O traballo de Gesproga baséase no coñecemento do mercado das telecomunicacións, tanto a nivel legal como de tarifas e ofertas. Iso permítelle atopar para o cliente as condicións que mellor se axustan ao seu tipo de empresa, conseguindo que pague o mínimo posible sen perder prestacións. Na maioría dos casos o aforro conséguese sen necesidade de cambiar de compañía operadora, tan só actualizando as tarifas ou contratando outras novas se é necesario. Tamén buscando as mellores ofertas, dando de baixa servizos que non se usan, reclamando erros e cobros indebidos e facendo un seguimento da factura mes a mes. Nalgúns casos, a aplicación destas pautas permitiu reducir á metade o recibo do teléfono.

 

Durante a sinatura do convenio, o asesor de Gesproga, Daniel Gómez, asegurou que o acordo servirá “para que as empresas de Melide non sexan enganadas nin paguen un céntimo demais ás operadoras que tratan de enriquecerse á súa costa”. Pola súa banda, a presidenta de Asetem, Sonia Valiño, destacou que a partir de agora todos os membros da asociación terán ao seu alcance “unha alternativa de aforro á que poderán acollerse libremente se é do seu interese”.

 

Asetem-Cca considera que dito convenio será de gran utilidade, pois é consciente de que hoxe en día calquera pequeno aforro resulta de vital importancia para empresas e comercios. É por iso que a patronal melidense continuará a traballar na busca de fórmulas a través das cales os socios poidan optimizar recursos e manter unhas contas saneadas.