Asetem acollerá a mediados de xuño un obradoiro sobre xestión do estrés e do positivismo’, ‘O prazo de inscrición xa está aberto e remata o 31 de maio (pincha nesta noticia e descarga o programa do curso)

Non cabe dúbida de que os estados de nerviosismo e tensión, ademais de afectar ao benestar persoal, complican o día a día no traballo. Saber controlar a angustia e ser capaces de conservar unha actitude positiva constitúen pezas clave para crear un clima  que repercuta favorablemente na  nosa saúde e na produtividade.

Con tal obxectivo, a Confederación de  Empresarios da Coruña (CEC), en colaboración con Asetem-Cca, organiza en Melide un taller denominado “Xestión do estrés e do positivismo”. Está dirixido a traballadores en activo, e realizarase o 14 de xuño nunha única xornada, en horario de 4 da tarde a 9 da noite.  As prazas son limitadas e os participantes serán admitidos por orde de inscrición. As persoas interesadas en participar no obradoiro deberán anotarse acudindo ás oficinas de Asetem ou ben chamando ao número de teléfono 981 50 61 88.

O taller será impartido na sede da patronal melidense por Marta Méndez, técnica superior en prevención de riscos laborais nas especialidades de seguridade do traballo, hixiene industrial e psico-socioloxía. Cun enfoque práctico, esta experta facilitará as ferramentas necesarias para xestionar adecuadamente o estrés nos centros de traballo. Comezará por facer reflexionar aos asistentes sobre os seus hábitos diarios, a situación na que se atopan e a actitude coa que afrontan o traballo e a vida en xeral. De seguido abordará os factores que desencadean o estrés e falará das pautas básicas para cambiar as dinámicas negativas e afrontar a ansiedade. Tamén haberá tempo para tratar a motivación e a actitude mental positiva. O obradoiro rematará cun debate para favorecer intercambio de opinións entre todas as persoas asistentes.

Este obradoiro está financiado pola Fundación para la Prevención de Riesgos Laborales e persegue reducir o impacto negativo que ten o estrés no ámbito laboral. Malia que non se considera unha enfermidade, está demostrado que unha exposición prolongada ao estrés pode reducir a eficacia no traballo e causar problemas de saúde. Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, este síntoma afecta en España a máis do 40% das persoas asalariadas en España e a preto do 50% dos empresarios. De acordo cunha enquisa realizada por Ipsos Mori a comezos de 2013, sete de cada 10 traballadores cren que o estrés laboral aumentará nos próximos cinco anos.