Contratados os traballos para a primeira fase do saneamento no polígono’, ‘O Concello de Melide acaba de adxudicar á empresa local Construcciones Leonardo Miguélez a primeira fase dos traballos que permitirán dotar de saneamento ao Polígono Industrial da Madanela.

A actuación, que ten un orzamento de 90.743 euros subvencionado no 80% pola Consellería de Economía e Industria, consistirá na separación da rede de pluviais e fecais e na instalación das   conexións necesarias para a evacuación dos vertidos. As obras deberán estar rematadas en decembro e comprenderán todo o polígono industrial, así como o eixe central que divide o parque. Unha vez finalizadas, procederase ao asfaltado das diferentes vías.
Segunda fase

       Os traballos que se realicen este ano deberán ter continuidade para que a Madanela teña un servizo de depuración de augas residuais completo.  É por iso que está prevista unha segunda fase que servirá para instalar as canalizacións que leven os vertidos dende o  polígono ata a depuradora municipal, onde serán tratados xunto coas augas residuais do casco urbano e dalgunhas parroquias do municipio.
Esta última actuación podería demorarse no tempo, xa que precisa de permisos especiais tanto da Dirección Xeral de Patrimonio como do Ministerio de Fomento por afectar a obra ao Camiño de Santiago e á estrada N-547 que une Lugo con Santiago.  Non obstante, os técnicos de Augas de Galicia visitaron o polígono a finais de setembro en compañía da alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, para ir avanzando na redacción do proxecto.
       O saneamento do parque empresarial, con 72 parcelas  e máis de 82.000 metros cadrados de solo, era unha materia pendente dende a súa creación en 1995. A canalización das augas ata a EDAR municipal substitúe o proxecto barallado inicialmente: construír unha depuradora no propio polígono.