PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTONOMO
Liñas de axuda:
Liña 1. AXUDA AO INICIO DA ACTIVIDADE ECONÓMICA E O MANTEMENTO DO AUTOEMPREGO COMO TRABALLADOR POR CONTA PROPIA.
Beneficiarixs e requisitos, entre outros: persoas autónomas, desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, que causen alta no réxime especial de Seguridade Social por conta propia (RETA) entre o 01/10/2024 e o 30/09/2025, como titulares dun negocio ou cotitulares (exclusivamente mediante sociedade civil, comunidade de bens ou entidades sen personalidade xurídica de nova creación). Deberán ter iniciada a actividade laboral antes da solicitude da subvención e non haber tido ningunha alta inicial como autónomo nos 5 anos anteriores a esta convocatoria.
Contía: entre 2.000 e 7.000 euros, segundo o colectivo de pertenza do solicitante.
Obrigas, entre outras:
.- Manter a alta no RETA durante un tempo mínimo de 24 meses ininterrompidos.
.- Manter a forma xurídica elixida durante 12 meses.
Liña 2. AXUDA PARA SUFRAGAR A COTA REDUCIDA DE SEGURIDADE SOCIAL DO PRIMEIRO ANO DE ACTIVIDADE
Beneficiarixs: persoas autónomas, desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, que causen alta no RETA entre o 01/10/2024 e o 30/09/2025, como titulares ou cotitulares dun negocio ou explotación de nova creación.
Contía: 960 euros.
Obrigas, entre outras:
.- Manter a alta no RETA 12 meses ininterrompidos.
.- Manter a forma xurídica elixida durante 12 meses.
Prazo de solicitude: entre o 24/01/2025 e o 30/09/2025.
BONO NOVA OPORTUNIDADE
Beneficiarixs: persoas autónomas que teñan sido autónomas con anterioridade e queren volver emprender.
Requisitos, entre outros:
.- Persoa desempregada, inscrita como demandante de emprego, que careza de ocupación efectiva.
.- Causar alta no RETA entre o 31/10/2024 e o 30/09/2024.
.- Ter unha alta anterior no RETA dentro dos 5 últimos anos anteriores a esta convocatoria.
.- Ter cotizado antes desta nova alta, polo menos, 3 meses ininterrompidos.
.- Transcorrer un mínimo de 6 meses entre a nova alta en RETA e a anterior baixa.
Poderán ser beneficiarios as persoas autónomas que formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, constituídas con data posterior ao 31/10/2024 e antes da presentación da solicitude. Quedan excluídas as persoas que xa foran beneficiarias desta axuda con anterioridade.
Contía: 7.500 euros, que se incrementará en 500 euros no caso de que a beneficiaria sexa muller.
Obrigas, entre outras: manter a nova alta no RETA durante un mínimo de 24 meses.
Prazo de solicitude: entre o 24/01/2025 e o 30/09/2025.
BONO AUTÓNOMO/A
Beneficiarixs e requisitos: persoas autónomas, ou empresas con autónomos societarios, de alta no RETA, que cumpran os seguintes requisitos, entre outros:
a) Que teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos dende a data da solicitude, na realización dunha actividade empresarial ou profesional.
b) Que teñan unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, no exercicio 2023.
c) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas, no IRPF de 2023, inferior a 50.000 euros, no caso de tributar en IRPF.
d) No caso de tributación por Imposto de Sociedades, que teña unha base impoñible na declaración do 2023 inferior a 50.000 euros.
e) No caso de tributación por atribución de rendas, o importe de 50.000 euros referirase á suma dos rendementos netos reducidos declarados no IRPF de cada un dos membros da entidade solicitante (rendemento da actividade económica da entidade solicitante no mod.184)
Quedan excluídos os beneficiarios desta subvención nas convocatorias do 2020 ao 2024, ambas incluídas.
Investimentos subvencionables:
.- Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
.- Inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
.- Compra de utillaxe e ferramentas.
.- Reforma do local ou espazo do negocio.
.- Equipamento informático.
.- Equipamento de oficina e/ou negocio.
.- Rótulos.
.- Investimentos en Aplicacións informáticas, creación e desenvolvemento de páxinas web, apps e redes sociais.
.- Deseño de marca.
Non son subvencionables teléfonos móbiles ou smartphones, nin os gastos de xestión de páxinas web, redes sociais ou similares. Subvencionaranse os investimentos realizados entre o 01/10/2024 e a data de solicitude da subvención, efectivamente xustificados mediante factura e xustificante de pago bancario.
Obrigas, entre outras:
.- Manter a alta no RETA 24 meses dende a presentación da solicitude da subvención.
.- No caso de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, destinar os bens ao fin concreto para os que se concedeu a subvención durante un mínimo de 5 ano no caso de bens inscribibles nun rexistro público, ou 2 anos para o resto de bens.
Prazo de solicitude: entre o 24/01/2025 e o 30/09/2025.
BONO REMUDA
Beneficiarixs e resiquistos:
Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas, as sociedades de calquera clase, que cumpran os seguintes requisitos:
.- A remuda deberá estar motivada por xubilación ou proximidade da idade de xubilación (62 anos ou máis) do titular do negocio; incapacidade permanente en grao de total, absoluta ou gran invalidez; ou morte. As persoas que remudan o negocio non poden estar en ningunha situación de xubilación activa, cando se produza a remuda.
.- O negocio obxecto da remuda debe ter unha antigüidade mínima de 5 anos.
.- Que non teñan transcorrido máis de 12 meses entre a publicación desta subvención e a baixa no RETA e na actividade do antigo titular do negocio, que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e que se desenvolva no mesmo local (no caso de precisar local).
.- Que o negocio obxecto de Remuda estea inscrito na Bolsa de Remuda da Rede de Polos de Emprendemento, salvo negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación desta subvención.
.- Que a transmisión se materialice mediante un contrato de traspaso ou venda do negocio, en escritura pública, no que deberá constar o prezo total, descrición detallada dos elementos que forman parte da remuda, e indicación expresa da remuda como obxecto do contrato.
.- No caso de transmisión de persoas societarias, deben posuír máis do 50% de participación na sociedade que se traspasa.
.- Que se realice o cambio de titularidade da licenza municipal de apertura ou actividade, ou comunicación previa.
Quedan excluídas as persoas ou entidades que foran beneficiarias e percibiran a axuda do Bono.
LIÑAS DE AXUDA.
Liña 1: BONO REMUDA RURAL, para negocios en concellos de menos de 10.000 habitantes.
Liña 2: BONO REMUDA XERAL, para negocios situados no resto de concellos.
Contía: o Bono Remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda. No caso de que se acceda á remuda mediante un contrato de alugueiro de local e medios produtivos o importe a percibir
será o equivalente aos 18 primeiros meses de aluguer.
Na Liña 1 a porcentaxe de subvención será do 75% do prezo do contrato de remuda. Na Liña 2 a subvención será do 70% do prezo do contrato de remuda. A porcentaxe da axuda, só no caso de persoas físicas, incrementarase nun 5% máis, acumulables entre si, no caso de negocios adquiridos por unha muller, persoa menor de 30 anos, persoa maior de 52 anos, desempregado de longa duración, ou cando o negocio que se traspasa ten máis de 5 traballadores.
Obrigas, entre outras:
Manter a alta no RETA 36 meses e manter a alta no IAE 36 meses dende o contrato de remuda.
Manter a mesma actividade obxecto de remuda 12 meses; salvo que a subvención se obtivera polo aluguer do local, caso no que deberá manter a mesma actividade 36 meses, dende o contrato de remuda.
Prazo de solicitude: entre o 24/01/2025 e o 30/09/2025.