Bernardo Valiño presentou o seu libro, «La permanente aventura en Galicia de la Romaría Internacional», o pasado decembro na Aula da Natureza de Toques.
Nesta cita literaria interviron xunto co autor o alcalde da vila, José Ángel Penas, José Antonio Vázquez, coñecido xuíz e amigo do escritor, e Cristóbal Atienza, xornalista.
Bernardo Valiño destacou a importancia que tiña para el facer esta presentación en Toques dado que é o municipio natal do seu pai. De feito, José Angel Penas anunciou que o autor será nomeado fillo adoptivo do concello de Toques.
Nesta publicación, o autor fai un repaso da iniciativa chamada Romaría Internacional, na cal participou activamente como director durante 20 anos e que tiña como obxectivo traer grandes espectáculos de diversos lugares do planeta a concellos pequenos galegos. O éxito deste Romaría Internacional foi tal que chegou a traer a estes municipios grandes espectáculos como os da Ópera de Pekín ou o Teatro Bolshoi. «Chegou un momento no que en distintas partes do mundo había gran interese por traer os seus espectáculos aquí», comenta Bernardo Valiño.
«A Romaría Internacional é considerada como o máximo expoñente de cultura popular en Galicia con espectáculos artísticos a nivel mundial», destacou o Alcalde de Toques na presentación.
Outra das características deste «macro festival», denominación que lle deron os medios de comunicación do momento, é «a súa constitución dende pequenos concellos e integrada por alcades e concelleiros de todas as cores políticas e con espectáculos gratuítos», sinala José Ángel Penas.
Ademais, se xa tivo que ser complexo traer a grupos e formacións de referencia en todo o mundo había que sumarlle a falta de infraestruturas e medios técnicos nas vilas receptoras. Isto, «obrigaba a levar e montar escenarios de 400 metros cadrados, así como grandes desplegues de luz e son que despois había que desmontar para levalo ao seguinte municipio», fai fincapé Valiño.
Sobre o autor todas as persoas que participaron no evento tiveron eloxios e boas palabras pero foi José Antonio Vázquez Taín quen se atreveu a defeinir a Bernardo e fíxoo como «un home que rompe moldes».