Aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas á modernización tecnolóxica pola Xunta de Galicia.
O obxectivo desta liña de subvencións é «potenciar o mantemento e a creación de emprego, a innovación e o impulso de novos proxectos empresariais a través de apoios que facilitan a adquisición de equipamento para as empresas», comentan dende o Goberno autonómico.
Neste marco, entre as principais novidades destaca o feito de que poden optar a esta liña empresas de todas as actividades económicas, agás as excluídas pola regulamentación comunitaria. Así mesmo, e para reforzar os investimentos inmediatos sen prexudicar a liquidez e a solvencia das empresas, contémplase un anticipo do 100% da axuda, estando tamén prevista a exención de garantías.
Os apoios, en concorrencia non competitiva, ascenden ao 40% dos custos ata un máximo de 300.000 euros. O obxectivo é facilitar a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva das empresas galegas reducindo parcialmente os seus custos de investimento recentes neste mesmo exercicio 2024.
Neste sentido, admitiranse gastos e investimentos executados dende o 1 de xaneiro e ata o 10 de decembro, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de outubro.