A Xustiza condena a encargada dun supermercado Gadis en Melide por acoso laboral e lesións psíquicas contra dúas traballadoras.
O Xulgado Penal nº4 da Coruña emitiu sentenza condenando á encargada do Gadis a 20 meses de cárcere, como responsable de 4 delitos de acoso no ámbito laboral e de lesións psíquicas. A maiores, deberá pagar máis de 51.000 euros de indemnización ás vítimas, a parte dos gastos do Sergas derivados da asistencia sanitaria ás lesionadas (as cales precisaron 2 anos de atención psiquiátrica e psicolóxica) e as costas procesuais de todo o procedemento xudicial.
Na sentenza recóllese que a Dirección de Recursos Humanos de GADISA era coñecedora destes feitos e que non actuou para mudar esta situación de acoso laboral. De feito, dende a dirección ofrecéuselles ás vítimas admitir un traslado ou irse da empresa, pola contra a encargada permaneceu no seu posto.
O secretario comarcal da CIG – Servizos da Coruña, Roberto Pérez, sinalou que durante o xuízo os avogados e testemuñas da empresa «intentaron, sen éxito, desprestixiar e culpar ás traballadoras», por este motivo a xuíza condena á empresa como responsable civil subsidiaria.
Tal e como recolle a sentenza, a encargada dirixíase ás traballadoras con expresións como «inútil», «analfabeta», «eu mátote», «aquí mando eu», «ti non vales para nada», «cando che diga corre, corres!» ou frases como «aquí quen non siga os meus pasos póñoo baixo a sola dos meus zapatos e facémoslle a vida imposible ata que se aburra e marche» ou «colle a porta e lárgate», que chegaba a pronunciar diante de compañeiros e compañeiras, así como da clientela. A xuíza afirma que a encargada aproveitouse da súa superioridade xerárquica para dirixirse as dúas traballadoras demandantes «con graves descualificacións, ridiculizando os seus actos e palabras» de xeito sistemático e prolongado no tempo.
A maiores, dita encargada do Gadis, ameazaba con represalias por utilizar as licenzas de convenio ou acudir ás delegadas da CIG dicíndolles: «agora corres e vas aos teus amigos do sindicato!».
Outra das cuestións detalladas na sentenza é a obriga, ás que eran sometidas as denunciantes, de prolongar a xornada e que a encargada realizaba reunións para escarnecer aínda máis a determinadas traballadoras empregando frases insultantes.
A xuíza sinala que queda «meridianamente claro» que a acusada someteu a estas traballadoras «a continuas humillacións, desprezos e vexacións, que aínda que consideradas illamente poden non parecer extremadamente graves, intégranse nun conxunto de malos tratos, humillación e vexación sistemática, logrando minar a súa dignidade persoal, e provocándolles, ademais, unha lesión psíquica».