A Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide, en colaboración co Concello de Melide, celebrará o ‘Mercamelide na Rúa’ entre os días 9 e 11 de agosto.
Nesta nova edición da feira de oportunidades estival participarán diversos establecementos de proximidade. Durante a segunda fin de semana de agosto, os comercios locais participantes ofrecerán descontos e ofertas especiais nunha ampla variedade de produtos e artigos.
A diferenza da iniciativa do ‘Mercamelide de inverno’, nesta ocasión a campaña celébrase nas propias tendas, o que impulsa a afluencia de xente nas rúas do municipio, nunha época na que a veciñanza de Melide medra de xeito significativo.
Este ano, o ‘Mercamelide na Rúa’ comparte xornadas co Mercado Medieval que se recupera logo de varios anos. Esta actividade realizarase na zona vella da localidade.
Dende a directiva de Asetem – CCA destacan que o principal obxectivo desta iniciativa de dinamización comercial é «axudar a impulsar as vendas dos produtos que quedan en stock doutras temporadas a prezos máis baixos, nunha época de gran afluencia de visitantes e turistas na vila». Por parte do Concello de Melide Xosé Igrexas, concelleiro de Comercio, comenta a importancia de celebrar o ‘Mercamelide’, unha mostra máis de apoio da Administración municipal ao comercio de proximidade, en colaboración coa Asociación empresarial.
As persoas responsables dos negocios, participantes nesta actividade, amósanse con ilusión e optimismo ante esta nova edición do ‘Mercamelide na Rúa’.
Outro dos obxectivos, que teñen en común Asetem e o Concello, é atraer turistas e visitantes, así como poñer en valor as fins de semana no municipio melidense.