O prazo para solicitar o bono dixital de 3.000 euros, para pequenas empresas e persoas autónomas, está aberto ata o vindeiro 31 de outubro do ano 2025 ás 11:00 horas. As solicitudes deben presentarse a través da sede electrónica de Red.es, entidade adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Esta iniciativa vai destinada a negocios de máximo 3 empregadas e a persoas autónomas. Como novidade, nesta nova edición, inclúese a posibilidade de adquirir un dispositivo portátil ou de sobremesa con monitor. Este equipo debe ter integrada unha licenza que cumpra os requisitos establecidos encanto a ciberseguridade; ademais dun cifrado en repouso, que asegure a privacidade dos datos e documentos almacenados no dispositivo. Para esta adquisición a cuantía máxima subvencionable é de 1.000 euros.
Para solicitar a axuda, as interesadas deben primeiro rexistrarse na área privada de www.acelerapyme.es e completar o test de autodiagnóstico dixital. A continuación, deben consultar a información dispoñible das solucións de dixitalización no catálogo e, para rematar, solicitar a axuda.
Actualmente, o catálogo de axentes dixitalizadores componse por máis de 10.800 axentes adheridos. O prazo de adhesión continuará aberto durante toda a duración do Programa.
As persoas autónomas ou pequenas empresas que recibiran o kit dixital na anterior convocatoria, poden solicitar 1.000 euros adicionais mediante unha declaración de conformidade na sede electrónica de Red.es, dado que a cuantía aportada anteriormente era de 2.000 euros. Isto poderase realizar sempre e cando non se extinguira por renuncia ou calquera outra causa que dera lugar á mesma. Para solicitar estes 1.000 euros adicionais, tanto no caso das entidades que son novas solicitantes como no caso das xa beneficiarias, o prazo de consumo do bono será de 6 meses a contar dende a concesión.
Estas axudas de dixitalización son de concorrencia non competitiva e outorgarase de xeito directo e por orde de chegada, unha vez realizadas as comprobacións do cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.