O Bono Remuda destina 1’5 millóns de euros para garantir o mantemento dos negocios como xeradores de riqueza

A nova edición do Bono Remuda destina 1’5 millóns de euros para garantir o mantemento dos negocios como dinamizadores do territorio e xeradores de emprego e riqueza.
A remuda deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do establecemento. Tamén por causas sobrevidas como incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou falecemento, e deben terse producido entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024.
As persoas que poden beneficiarse deste programa de axudas son traballadoras ou traballadores autónomos dados de alta no RETA, incluídas sociedades de calquera clase e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia e que cumpra os seguintes requisitos: que o negocio obxecto de remuda teña domicilio fiscal en territorio galego e unha antigüidade mínima de 5 anos. Que non transcorresen máis de 12 meses dende a baixa no RETA e no IAE do anterior titular do negocio e a publicación desta subvención, e que se trate da mesma actividade e se desenvolva no mesmo local. O negocio obxecto de remuda ten que estar inscrito na Bolsa de Remuda da Rede de Polos de Emprendemento, agás as realizadas antes da publicación desta subvención (6/06/2024). A transmisión do negocio ten que realizarse mediante un contrato de traspaso ou venda do mesmo, elevado a escritura pública, no cal deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do contrato.
O Bono Remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda. Esta subvención divídese en dúas categorías: Remuda Rural e Remuda Xeral. Na primeira, pertencente aos concellos de menos de 5.000 habitantes, a cuantía ascende ao 75% do prezo de contrato de remuda. Na segunda modalidade, para concellos de 5.000 habitantes ou máis, a axuda será do 70% do prezo do contrato de remuda.
Os gastos subvencionables serán os realizados e pagados entre o 1 de xaneiro do 2024 e o 31 de outubro do mesmo ano, agás nos casos de acceso á remuda mediante alugamento do local ou medios produtivos.
O prazo de solicitude desta subvención rematará o 31 de outubro de 2024.