O Goberno do Estado vén de aprobar, no Consello de Ministros e Ministras, o Real Decreto-lei para a reforma do sistema público de pensións en varias fases logo de chegar a un acordo cos sindicatos UGT e CCOO.
A principal medida é a reforma do sistema de cálculo para a pensión. Dende o 1 de xaneiro de 2026 e ata o 2044, incluído, o sistema de cálculo para as novas pensións será dual: compartirán espazo o sistema actual (calculado sobre os último 25 anos) pero que dende 2041 subirá 6 meses por ano, e o novo modelo que implica calcular os mellores 27 anos cotizados dos últimos 29. A Seguridade Social escolmará cal dos dous é máis beneficioso para o pensionista.
A partir de 2044, ano de implantación definitivo do novo sistema, xa non haberá posibilidade de escoller e utilizarase para todos a fórmula dos 27 anos con maior cotización dos 29 últimos. Os meses non cotizados deses 29 anos contabilizaranse ata 48 coa base mínima e o resto ao 50% desa base por regra xeral.
Por outra banda, modifícase o cálculo das bases (a base máxima de cotización subirá cada ano co IPC) e engade ou sobe algúns impostos (como no caso das persoas que máis cobren terán que pagar máis impostos).
Ademais, nesta norma establécese o complemento da fenda de xénero (que está vixente mentres as diferenzas entre as pensións de homes e mulleres superen o 5%) irá ligado ao IPC e que se subirán, entre 2024 e 2025 un 10% extra. Dende a CIG critican, entre outras cuestións, que este modelo de pensións non resolve a fenda de xénero e sinala que “as pensións das mulleres galegas son un 34% más baixas que as dos homes. As medidas desta reforma non dan solución”.
Para rematar, subirase a pensión mínima de xubilación para maiores de 65 anos cun cónxuxe a cargo. O obxectivo desta medida é que, coas revalorizacións anuais do IPC, se acade o umbral da pobreza para fogares con dous adultos.