A iniciativa da Federación Galega de Comercio en colaboración coa Federación da Coruña e as asociacións de comerciantes, neste caso con ASETEM Centro Comercial Aberto, ‘Mercar no teu comercio ten premio’ repartirá 1.000 euros en Melide, divididos en tarxetas prepago de 50 e 30 euros para gastar nos establecementos de proximidade.
Esta campaña chega ao comercio local da vila o vindeiro mércores 16 e estenderase ata o día 23. Durante esta semana a clientela que faga unha compra cun importe igual ou superior a 10 euros poderá participar no sorteo das tarxetas prepago, para iso só ten que conservar o tícket do comercio e o mércores 23 entregalo no Cantón de San Roque de 10:00 a 13:00 horas, onde se celebrará tamén o sorteo.
Nunha carpa, situada no centro de Melide, durante a mañá do mércores 23 intercambiaranlle á clientela todos os tíckets dos establecementos locais por un boleto para o sorteo, que será ese día en directo ás 13:00 horas. Neste acto estarán presentes varios representantes das entidades organizadoras, entre eles un membro da directiva de ASETEM – CCA e Miguel Agromayor e Carmen No Varela, presidente e vicepresidenta da Federación de Comercio da Coruña. As persoas gañadoras desta iniciativa poderán gastar as tarxetas prepago de 50 e 30 euros en calquera tenda local de Melide.
‘Mercar no teu comercio ten premio’ é un proxecto posto en marcha en 10 localidades da provincia da Coruña que busca dinamizar o comercio de proximidade e incentivar o consumo neste período do ano, tradicionalmente, de menor vendas para as pequenas tendas.
Dende a Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide animan á clientela a participar nesta iniciativa, dado que é un proxecto que beneficia tanto a usuarios e usuarias como aos establecementos de proximidade. ‘Mercar no teu comercio ten premio’ repercutirá nos locais melidenses con mínimo 1.000 euros -contía do premio-, a maiores do que gaste a clientela, un empuxón para os negocios do municipio xusto antes de comezar a campaña de Nadal. Unha nova oportunidade para premiar a clientela do comercio local de Melide por mercar nas pequenas tendas da vila.