A Asociación de Empresarios da Terra de Melide é unha das beneficiarias das axudas aprobadas pola Deputación da Coruña para a promoción económica da provincia durante o 2021.
ASETEM – CCA recibirá 7.400 euros por parte da admnistración provincial destinados ao deseño, edición e distribución do xornal comarcal CERNE. Unha contía que colabora para que sexa prosible producir e realizar este medio de comunicación gratuíto, o cal facilita a chegada da información máis próxima á veciñanza así como darlle unha maior visibilidade aos establecementos locais asociados a ASETEM.
A xerente da asociación de empresarios e empresarias da comarca Terra de Melide valora de xeito positivo que a Deputación aporte unha contía para poder desenvolver o medio de comunicación que realiza ASETEM, o CERNE. Un servizo de gran importancia tanto para o asociados e asociadas como para as persoas que o len cada mes e que se informan a través do CERNE.
Esta liña de subvencións vai dirixida a entidades federativas e asociativas representativas dalgún sector profesional, comercial ou empresarial; colexios profesionais; cámaras de comercio; e asociacións da veciñanza e mulleres rurais.
O deputado socialista, Blas García, destaca a importancia destas axudas que “dan apoio ao comercio e á hostaleria local, moi afectados pola crise económica derivada da pandemia, e impulsan o desenvolvemento económico e a creación de emprego”.
Outra entidade da comarca que resultou beneficiaria destas axudas económicas da Deputación da Coruña, de xeito provisional e condicionada, é a Asociación de Hostalería Melide Móvese cunha contía de 7.500 euros para levar a cabo o programa Melide Móvese.