A Consellería de Política Social abriu o prazo de inscrición para os campamentos de verán destinados a rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos, ambas idades inclusive. Este ano a campaña conta con 7820 prazas distribuídas por toda Galicia. Estas actividades realizaranse ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.
Nesta edición, chamada ‘O verán que mereces’, haberá dúas modalidades de campamento: a de voluntariado e a de verán.
– Nos campamentos de voluntariado o prazo de solicitude estará aberto ata 5 días antes do comezo de cada campo. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante debe escoller, por orde de prioridade, un máximo de 5 campos. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.
– Nos campamentos de verán o prazo de inscrición rematará o vindeiro venres 28 de maio. As familias numerosas e monoparentais terán un desconto do 50%, e as persoas usuarias do Carné Xove desfrutarán dunha rebaixa do 25%. As solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía telemática a través da Sede electrónica. Na páxina de Xuventude (xuventude.xunta.es/component/k2/item/21210-campamentos-de-veran-2021) hai dispoñible máis información.