O II Mercamelide no Camiño reúne a 15 establecementos no cantón do 7 ao 9 de agosto

A feira de oportunidades do comercio melidense chegará este ano á vila na súa edición de verán os días 7, 8 e 9 de agosto.

Por segunda vez estará situada no cantón de San Roque e celebrarase baixo o nome de Mercamelide no Camiño cumprindo, iso si, con todas as medidas de seguridade que ditan as autoridades sanitarias para evitar a expansión do Covid-19.

Tras finalizar o prazo de inscrición, aberta a todos os negocios da vila independentemente de que sexan socios de Asetem-CCA ou non, particparán no II Mercamelide no Camiño unha quincena de establecementos de sectores tan diversos como o da moda de adultos, calzado, perfumería e complementos, moda infantil ou seguros.

A feira de oportunidades arrancará o venres 7 á tarde a partir das 18:00 horas e ata as 22:00. Xa na xornada do sábado 8 o horario de apertura ao público será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 22:00 horas, e o domingo 9 o horario da feira será de mañá, de 11:00 a 14:00 horas.

Xosé Igrexas, concelleiro de Promoción Económica do Concello de Melide, explicou que “o cambio de localización do Mercamelide o pasado ano incrementou os participantes en comparanza á mesma feira organizada no pazo de Congresos e Exposicións anos anteriores no verán”, e engadiu que “a ubicación inaugurada no 2019 pretende dinamizar o noso comercio local, darlle pulo e incentivar un dos factores máis importantes da nosa vila como é o comercio de proximidade”.

Pola súa parte, Pilar López, xerente de Asetem-CCA, destacou que “as previsións parecen boas pese á situación sanitaria actual, e mais se temos en conta que semella que o bo tempo vai acompañar durante as tres xornadas de feira”.

Animación na rúa e sorteos
Para animar o ambiente e propiciar que veciños e visitantes se acheguen ao cantón de San Roque a mercar, dende o Concello de Melide programouse para os tres días animación na rúa paralela a algunhas actividades do Verán Cultural.

Deste xeito, o venres 7 de agosto ás 18:30 horas haberá animación de rúa co Grupo O Bringuelo de Arzúa, e ás 22:00 horas no Parque de Rosalía de Castro proxectarase a película Eroski Paraiso.

O sábado 8 de agosto a animación arrancará ás 12:00 horas cun pasarrúas; ás 18:00 horas haberá animación con música e zancudos; e ás 21:30 horas, na Praza do Convento, terá lugar a actuación de Davide, Fransky e Cibrán.

Finalmente, o domingo 9 de agosto ás 12 do mediodía haberá animación de rúa co Grupo de música Tradicional Carapaus.

O igual que na edición anterior, unha vez rematada a feira de oportunidades Asetem celebrará un sorteo de 90 euros en vales de compra a través das súas redes sociais.

Mercamelide no Camiño está organizado polo Concello de Melide en colaboración con Asetem-CCA, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.