Unha situación inédita á que houbo que adaptarse si ou si, iso é o que está a supor para todos convivir co virus do COVID-19, e loxicamente tamén para a Asociación de Empresarios Terra de Melide que continúa desenvolvendo o seu traballo, aínda que coas medidas e precaucións lóxicas que houbo que adoptar. A xerente de Asetem-CCA, Pilar López, avanza cales son esas medidas, repasa o traballo feito ata o de agora e valora “con optimismo aínda que con cautela” a reapertura dos negocios.

“As sensacións son boas, pero cautela, porque retomar o consumo previo a esta situación vai ser complicado”

– Como se está a traballar dende a Asociación de Empresarios?

– Pilar López (P.L.): Intentando adaptarnos ás novas circunstancias, como todos. Mentres a pandemia persista hai que ser moi precavidos, así que tomamos a decisión de traballar en Asetem con cita previa, máis que nada porque moitas veces estaremos na oficina, pero outras veces estaremos teletraballando. Así que, o teléfono no que poden solicitar a cita previa é o 698 13 23 24, ou incluso tamén no 606 844 969; e para pedila poden chamar en horario de 9.00 a 15.00 horas de luns a venres. Unha vez teñan cita previa poderán achegarse á oficina para consultar todas as súas dúbidas ou xestións necesarias.

– En tempos como os que vivimos de crise sanitaria, e posiblemente crise económica posterior, que papel xoga Asetem?

– P.L.: A ver, si que é certo que igual lle temos que dar unha volta a Asetem, pero se de algo estamos convencidos é de que pertencer á asociación sempre vai a ter beneficios. Por poñer un exemplo, agora mesmo estamos traballando no tema da venda por Internet e imaxínate que funciona ben, pois o seguinte paso sería contratar a unha empresa para facer o reparto dos pedidos, pedidos que ademais no ámbito de Melide poderían ter un prezo moi económico. E quen di isto, di centralizar certas compras a través da asociación, porque xa sabemos que cantos máis sexamos máis económicas nos saen algunhas compras; tamén se poderían abaratar as cotas dos socios, recoller maior número de propostas e en definitiva coñecer e afrontar mellor toda esta problemática. Por non falar do ámbito da promoción. Agora máis que nunca o papel da Asociación pasa por ser escaparate e defensor dos produtos, negocios e empresas de Melide e comarca.

– Que medidas de protección tomaron dende Asetem-CCA?

– P.L.: Ademais de cumprir coas normas de seguridade en canto a distancias e hixiene nas oficinas, a través da Confederación de Empresarios da Coruña e da Xunta de Galicia mercamos 2.800 máscaras de protección, que foi a cantidade que nos permitiron comprar naquel momento debido á elevada demanda que había por parte de todos os sectores, e que posteriormente repartimos gratuitamente entre os nosos asociados. E Casa Mejuto de Melide doounos varios lotes de xel hidroalcohólico que foron máis que suficientes para repartir tamén entre os socios. Si que é certo que esperamos contar en breve tamén cun pedido de máscaras FFP2, que neste caso estarán a disposición dos socios a un prezo económico, porque tamén as conseguimos ao mellor prezo de mercado que nos foi posible; e tamén temos solicitados guantes de vinilo e nitrilo, que tamén terán un prezo económico.

–  Xa metidos na desescalada, que balance fai da reapertura de negocios?

– P.L.: Pois dende o luns 11 están abertos a maioría dos negocios asociados e o balance de momento atreveríame a dicir que é bo. Sei, polo que me transmitiron dende que empezaran a vender con cita previa, que as sensacións foron boas, pero temos que tomalo con cautela e agardar que non se quede na euforia de saír os primeiros días a mercar o que nos fai falta e que despois se produza un parón. Así que cautela, e pouco a pouco, porque retomar o consumo previo que tiñamos a esta situación vai ser moi complicado. Non podemos esquecer que hai moita xente inmersa nun ERTE e que as circunstancias económicas de moitas familias non son as de antes.