Nesta edición, que se celebrará o venres 21 de xuño, participan un total de 26 establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto Asetem
O Centro Comercial Aberto Asetem de Melide (CCA-Asetem), organiza este venres, día 21 de xuño, unha nova edición da Noite Aberta; unha xornada repleta de descontos, sorpresas e numerosos premios que farán do comercio local melidense o lugar máis atractivo de toda a contorna para realizar as compras.
Este ano participan un total de 26 establecementos entre os que se atopan sectores como a moda e calzado para todas as idades, complementos, electrodomésticos, deporte, ópticas, saúde, entretemento para os máis pequenos, etc.
Xunto aos descontos de ata o 70 por cento, así como as ofertas de 2×1 e mesmo 3×1, repartiranse 1.000 euros en premios durante a xornada de compras, que nesta ocasión irá dende as cinco da tarde ata as doce da noite. Para iso, nos establecementos participantes entregaranse tarxetas rasca con cada compra que permitirán optar a diferentes agasallos directos así como aos premios dun sorteo que se celebrará ao remate da xornada.
Sorteo no Cantón de San Roque
Para participar no sorteo será necesario depositar as tarxetas rasca adquiridas durante a tarde, debidamente cumprimentadas, nunha urna situada no Cantón de San Roque. Será a partir das 00.00 horas cando se proceda ao sorteo dos premios así como á entrega dos agasallos correspondentes. Non obstante, todos aqueles que ao longo da tarde obtivesen un premio directo na tarxeta rasca poderán recollelo dende as 23.00 horas tamén no Cantón de San Roque.
Entre os premios do sorteo haberá numerosos vales desconto, lotes de produtos locais, un circuíto termal e moitas máis sorpresas.
Presenza de Eva Iglesias
Como imaxe do Centro Comercial Aberto Asetem que é, a cantante e colaboradora televisiva Eva Iglesias tamén estará presente nesta edición da Noite Aberta. A artista galega achegarase a Melide para visitar as diferentes tendas durante a xornada de compras e participar no sorteo final. Todos aqueles que o desexen tamén terán a oportunidade de fotografarse coa cantante nun photocall que Asetem instalará para a ocasión.
“A Noite Aberta é, xunto á de Nadal, unha das campañas que mellor funciona no comercio local”, apunta Pilar López, xerente do CCA Asetem, “máis que nada polos prezos reducidos, as promocións, o ambiente festivo que anima a mercar e tamén o atractivo de saber que podes obter algún que outro agasallo”, engade.
Na organización da Noite Aberta colabora o Concello de Melide e a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio.