Dinamizar o sector comercial con iniciativas innovadoras é un reto cada vez máis difícil. Non obstante, dende o Centro Comercial Aberto Asetem apostan de novo por unha alternativa revolucionaria e fresca coa que chegar a todo tipo de público e implicar ao mesmo tempo ao maior número de persoas posible.
Asetem lanza así a campaña Cámbiame en Melide, unha proposta paralela á pasarela de moda que se celebrará en primavera, e coa que se pretende dar un novo pulo ao comercio local.
Como? De forma sinxela. Os participantes en Cámbiame en Melide someteranse a un cambio de look integral que se realizará única e exclusivamente con produtos do comercio local, ben sexa moda, peiteado, maquillaxe, etc.
Para a elección dos participantes realizarase un casting presencial previo, para maiores de 16 anos, que terá lugar o xoves 28 de febreiro ás 20.00 horas nas oficinas de Asetem en Melide. Tamén serán aceptadas as solicitudes de participación enviadas cos datos de contacto ao enderezo electrónico info@studioklec.com. O resultado do cambio de look dos participantes darase a coñecer durante a celebración do desfile de moda primavera-verán que se celebrará na Casa da Cultura de Melide o vindeiro 4 de maio.
“Sabemos que pode ser unha campaña arriscada, pero trátase de ofrecer algo diferente que unha vez máis dinamice o noso comercio e promova o consumo local, así que dende aquí animamos a participar a todas as persoas, home e mulleres, que desexen gozar dunha experiencia divertida e innovadora. Ás veces apetécenos cambiar de look, pero non damos atopado o momento, pois aquí lles ofrecemos a oportunidade perfecta”, sinala Pilar López, xerente do CCA Asetem.
Todas as persoas interesadas en participar na campaña Cámbiame en Melide poderán obter máis información chamando ao número de teléfono 638 91 80 08, no enderezo electrónico info@studioklec.com e na páxina de Facebook Asetem.