Será o venres 22 de xuño e participarán un total de 29 comercios asociados que abrirán as súas portas ata as doce da noite
Haberá grandes descontos, sorpresas, máis de 500 premios directos, animación na rúa e un gran sorteo ás doce da noite no Cantón de San Roque

Un ano máis, e van catro xa, o CCA – Asetem organiza a Noite Aberta; unha xornada repleta de descontos, promocións e actividades ata as doce da noite que persegue o obxectivo de dinamizar e potenciar as vendas no pequeno comercio local.

Será o venres 22 de xuño en horario de 17.00 a 24.00 horas e participarán un total de 29 comercios asociados, unha cifra de establecementos lixeiramente superior á de anos anteriores. En palabras da xerente do Centro Comercial Aberto, Pilar López, “a verdade é que estamos moi satisfeitos coa participación porque vemos que ano a ano aumenta o número de comercios e iso axuda a consolidar unha campaña como é a da Noite Aberta que serve de antesala ás rebaixas de verán”.

Descontos de ata o 50%, “Rasca e gana” e un gran sorteo

Nesta cuarta edición da Noite Aberta haberá descontos especiais de ata o 50% en produtos de temporada, ademais das numerosas sorpresas que os diferentes establecementos teñan preparadas para os seus clientes, tales como degustacións, pequenos agasallos, promocións de 2×1, etc.

Así mesmo, ao longo de toda a tarde entregarase con cada compra realizada unha tarxeta de “rasca e gana” coa que se poderá optar directamente a un regalo de promoción de Asetem (máis de 500 premios directos). Con ese mesmo rasca, independentemente de que estea premiado ou non, o comprador xa ten acceso directo a un gran sorteo que se vai realizar ás doce da noite no Cantón de San Roque. Para iso terá que depositar a partir das 23.30 horas da noite todos os rascas que obteña ao longo da tarde nunha urna situada no Cantón de san Roque, onde ao mesmo tempo se lle fará entrega do premio correspondente ao rasca en caso de que lle tocase algún.

Cabe destacar que no sorteo que se realizará ás doce da noite os premios consistirán nun circuíto termal no Hotel Balneario Río Pambre, nun lote de viños xentileza da Viñoteca Ribeirao e en dous lotes de queixos xentileza de Arzúa-Ulloa. Pero ademais, sortearanse multitude de vales desconto e numerosos produtos e agasallos procedentes dos comercios participantes na Noite Aberta. Así mesmo, para todos aqueles que se acheguen ao sorteo da media noite haberá unha degustación de queixos. Ao ser presencial, en caso de que non aparecesen os premiados nun primeiro momento, continuarase co sorteo ata que se repartan todos os premios.

Animación na rúa

Para completar esta xornada especial de compras haberá animación infantil na rúa e por todas as tendas dende as cinco ás oito e media da tarde. Posteriormente, de oito e media a doce da noite haberá animación musical a cargo do grupo folclórico Trisqueleiro de Toques.

Pola súa banda, para crear un ambiente homoxéneo e festivo os comercios participantes contarán cunha decoración consistente en globos brancos e alfombras vermellas de Asetem.

Destacar que este ano ademais dos establecementos relacionados coa moda tamén participan outros sectores como o da estética, perfumería, electrodomésticos, utensilios de cociña e fogar, xoiería, ópticas, un estanco e tamén unha parafarmacia.

A xerente de Asetem non quixo deixar pasar a oportunidade para “animar a todos os comerciantes a participar activamente na Noite Aberta con todo tipo de actividades e promocións que eles mesmos teñan a ben facer, para contribuír así ao enriquecemento da campaña e que esta repercuta de xeito positivo no trato co cliente”.