Éxito total da cuarta edición da pasarela impulsada por Asetem na que o comercio local amosou as súas tendencias ante máis de 500 persoas

Coa emoción a flor de pel. Así podería describirse a última edición da pasarela Melide Está de Moda. Había nervios, había ilusión, e tamén certa tensión por medo a que non todo saíse perfecto. Din que a cara é o espello da alma, e na faciana dos e das modelos, das responsables de cada tenda, dos organizadores e de todos e cada un dos colaboradores, apreciábase o reflexo desa inquedanza propia antes de saír a desfilar. Pero todo saíu ben. O premio a tanto traballo e esforzo non puido ser outro máis que unha pasarela de dez repleta de grandes momentos, diversión, música e, por suposto, moda.

E é que de moda se trataba. As tendencias do comercio melidense para esta primavera-verán subiron ao escenario da Casa da Cultura de Melide da man de máis de medio cento de modelos de todas as idades. Unha Casa da Cultura completamente ateigada que se quedou pequena para acoller ás máis de 500 persoas que asistiron como público.

Pasadas as seis da tarde, cuns quince minutos de retraso, deu comezo a pasarela dando paso así a un dos momentos máis agardados, a presenza sobre o escenario da actriz e cantante galega Eva Iglesias, encargada de conducir a gala. A continuación, e ante os centos de persoas expectantes, comezaron a saír os modelos coas mellores galas de cada establecemento que nesta ocasión, entre participantes e colaboradores, foron un total de quince.

Comezaron os máis pequenos amosando as propostas en roupa, calzado, comuñón e festa, para dar paso aos adultos e ás diferentes coleccións de diario e festa. Como vén sendo habitual os máis cativos conquistaron ao público coa súa simpatía e naturalidade, arrincando numerosas ovacións.

Imaxes da cuarta edición do desfile Melide Está de Moda Primavera-Verán 2018 na Casa da Cultura da vila

Imaxes da cuarta edición do desfile Melide Está de Moda Primavera-Verán 2018 na Casa da Cultura da vila

Durante algo máis de dúas horas o público asistente puido comprobar de primeira man cales están a ser as últimas tendencias tanto en roupa infantil como para adultos, ademais de gozar coas actuacións de Eva Iglesias, que interpretou tres temas durante o transcurso da pasarela. Xunto cos máis pequenos, a cantante foi a outra gran ovacionada da tarde.
Pola súa parte, a posta en escena resultou nesta ocasión un pouco máis dinámica grazas a unha breve descrición de cada tenda e colección antes de saír ao escenario, e polo acompañamento musical da man dun gran profesional do sector como foi La Gramola Discotecas Móviles. A maiores, a Floristería Tarrío e o Restaurante Marisquería San Roque foron os encargados de que a Casa da Cultura resplandecese cun ambiente acolledor e relaxado con matices elegantes e florais.

Dende Asetem, entidade encargada de organizar a pasarela xunto coa empresa Studioklec, non dubidaron en apoiar a iniciativa coa presenza do seu presidente, Manuel Vázquez, ao igual que dende a Xunta de Galicia, coa presenza da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal. Tamén acudiu ao desfile a alcaldesa de Melide, Dalia García, acompañada de varios membros do seu goberno.

Rematada a cuarta edición e visto o éxito acadado, dende Asetem xa traballan na organización da pasarela de outono. O obxectivo, sorprender unha vez máis a todos os presentes.

TENDNECIAS, MODA, MÚSICA E ATA UN SORTEO

Outro dos momentos máis agardados foi o sorteo realizado ao final do desfile. Un vale para realizar unha manicura semipermanente con tratamento de parafina, grazas á colaboración de Diva Pro Hair & Beauty. As mans inocentes de dous nenos foron as responsables de sacar un número, mentres que Emma Sanmartín, de Diva Pro, a encargada de entregar o agasallo. A cuarta edición da pasarela Melide Está de Moda contou coa colaboración da Rede de Dinamización Comercial da Xunta de Galicia e do Concello de Melide; mentres que as tendas que desfilaron foron: Colorín Colorado, Mis Mejores Labores, Sueños, M&M, Sisuka, Tu Boutik, Stardemoda, Medusa Shop, Pasarela, Óptica Melide e Óptica Tábora. Entre os obxectivos, amosar as tendencias do comercio local asociado melidense a través dunha iniciativa diferente e amena, ao mesmo que se dinamiza a vila.