Tribuna de opinión da Xunta Directiva de Asetem

Son tempos de cisma na principal organización empresarial galega. A patronal de Pontevedra decidiu hai poucos días abandonar de forma temporal a Confederación de Empresarios de Galicia, que suma así un novo capítulo de desencontros no xa convulso panorama que vén protagonizando nos últimos meses.

Aínda así hai quen segue apelando ao consenso por unha causa maior: o progreso de Galicia. Fíxoo Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (da que forma parte Asetem), a través dun artigo de opinión publicado en La Voz de Galicia no que instaba  a construír un relato único dende o que demandar actuacións sobre as infraestruturas e o territorio claves para o desenvolvemento.

Citaba, entre elas, a futura autovía Lugo-Santiago e aludía á necesidade de acabala “cuanto antes (…) impulsando licitaciones y obras en el tramos Arzúa, Melide, Palas”. Dende a patronal melidense facemos nosas as súas palabras, tanto no que á necesidade dun consenso se refire como á urxencia por rematar unha estrada que xa acumula demasiado atraso e que resulta de vital importancia para vertebrar o centro de Galicia.

Chamaremos ás portas que sexa preciso para que a autovía sexa unha realidade canto antes e, de non sermos escoitados, non dubidaremos en encabezar de novo como xa fixemos no seu momento a mobilización social. Melide e o progreso da comarca non poden agardar máis pola autovía.