Quen dixo que o Mercamelide, ademais dunha feira de saldos, non podía ser unha festa?   Opcións ten moitas, mire por onde se mire: festa dos consumidores, para quen facer unhas compras redondas só depende do seu criterio e da súa astucia, pois dificilmente atoparán outro lugar con tanta variedade e calidade de produto a tan baixo prezo. Festa para os comerciantes se son quen de liquidar todo o stock  e despedir as rebaixas cos petos cheos e os estantes baleiros á espera de nova mercancía.  E festa tamén no sentido máis tradicional da palabra, con música en directo para animar o ambiente e que o ambiente anime a bailar.

Sesión vermú

Precisamente o compoñente festeiro é unha das novidades que trae esta edición de inverno do Mercamelide, que se celebrará os días 4 e 5 de febreiro no Pazo de Congresos. Será o domingo á volta do mediodía cando a feira acolla unha sesión vermú en toda regra con música en directo dun grupo aínda por confirmar.

Tamén haberá actividade o sábado pola tarde, mais dunha natureza diferente. Neste caso estarán dirixidas ao ocio dos máis pequenos e irán encamiñadas a facer da feira un espazo para toda a familia.

Rosquillas de sartén

Foron todo un éxito o ano pasado e por iso as rosquillas “de sartén” conseguiron facerse un oco no Mercamelide e estarán presentes tamén nesta edición. Grazas á colaboración da Asociación de Repostería Tradicional “Melide Terra Doce”, os asistentes poderán degustar de xeito gratuíto este doce típico de Melide (especialmente da época de Entroido que se está achegando), que para a ocasión será elaborado nos obradoiros de Trisquel e a Tahona. Irán acompañadas dun vaso de chocolate, todo o cal se poderá obter cun ticket que os consumidores recibirán por cada compra que realicen.

Sorteo de máis de 500 €

E non só rosquillas e chocolate; mercar no Mercamelide tamén dará dereito a participar nos sorteos de máis de 500 euros en vales para consumir en calquera dos 23  establecementos que se darán cita no Pazo de Congresos. Por cada compra, un lote de rifas. O primeiro sorteo farase o sábado ás 19:00 horas. Os outros dous serán o domingo, un ás 14:00 e outro ás 19:00.

Música, rosquillas, sorteos e, por enriba de todo, produtos cun desconto de escándalo.

 

Mercamelide Inverno 2017