A entrada en vigor o pasado 1 de outubro das modificacións realizadas na lei sobre procedemento administrativo común, entre as que se inclúe a obriga de comunicarse por vía electrónica coas administracións públicas, está traendo de cabeza aos diferentes sectores da poboación afectados por estas novas cláusulas legais, isto é: a empresas constituídas como sociedades anónimas ou limitadas, a asociacións de todo tipo e mesmo a comunidades de veciños, entre outros.

No caso do Melide, e para dar cumprimento á lei, esixirase de xeito inminente por parte do funcionariado que as comunicacións co Concello se realicen por vía electrónica. Non obstante, o descoñecemento entre a cidadanía é xeneralizado e tamén entre o empresariado do municipio, que ignora como serán a partir de agora as súas relacións coa administración local á hora de presentar unha factura de contía inferior a 5.000 euros ou de realizar algúns dos supostos que contempla a nova lei: formular solicitudes, presentar declaracións responsables, iterpoñer recursos, desistir de accións ou renunciar a dereitos.

Ante esta situación, e como representantes do sector, a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) vén de solicitar que responsables do Concello manteñan unha reunión co tecido empresarial para informar polo miúdo sobre o funcionamento da administración electrónica e coñecer en que medida lles afectará.

Nun escrito dirixido á alcaldía o presidente da patronal, Manuel Vázquez, pide que se especifiquen os procedementos que a partir de agora se deben facer de xeito telemático e a forma en que hai que realizalos. Tamén solicita saber se está prevista a aprobación dalgunha ordenanza en materia de rexistro telemático e, de ser o caso, que se explique en que medida facilitará as xestións dos empresarios. Ademais a patronal desexa coñecer se o Concello tamén se comunicará cos interesados por vía electrónica e se cumprirá pola súa parte coa obrigas que en breve espazo de tempo lle esixirá á cidadanía.