O 17º Mercamelide, que se celebrou na súa edición de inverno os pasados días 20 e 21 de febreiro, non foi o mellor dos posibles para os 25 negocios que nel participaron.

A sensación xeral dos comerciantes, en comparación con anos anteriores, é que desta volta houbo menos xente e se gastaron menos cartos. “Non vin bolsas”, resume graficamente a responsable dunha tenda de roupa que asegura ter feito bastantes vendas menos: “non me desfixen de mercancía coma outros anos”.  Quizais parte da explicación estea no que apunta unha compañeira de sector: “botei de menos a avalancha de xente e de compras que sempre se producía en momentos determinados”. Nun stand próximo apuntan que o problema non estivo tanto na afluencia de xente, “que foi bastante”, senón en que “remexían pero non compraban”.

Dende os establecementos  participantes enumeran varios  factores á hora de explicar a baixada de vendas nesta edición. Por unha banda apuntan á data: “en fin de mes non hai cartos e ademais coincidiu moi pegado ao Entroido e ao Nadal”, explica unha tendeira asidua á feira de saldos. Por outra parte tamén atribúen parte de culpa ao tempo, cunha fin de semana soleada e con temperaturas agradables logo de varios días de choiva: “o ano pasado facía frío e cansei de vender parcas, este ano foron contadas as que vendín”, di a propietaria dunha tenda téxtil. Tamén hai quen remite ao contexto económico: “está todo máis parado do que parece, no Mercamelide e fóra del”.

Con todo, os comerciantes coinciden á hora de sinalar que “sempre compensa” participar no Mercamelide e son partidarios de seguir celebrando como ata agora a feira de saldos. “Na tenda non ía facer os cartos que fixen estes dous días no Mercamelide, nin ía sacar a mercancía que saquei”, explican dende unha tenda que participou na feira por primeira vez, “quedamos con ganas de repetir”.

 

“O comercio da túa vila”. Entrega de agasallos

Ademais dos tradicionais sorteos para clientes, Mercamelide acolleu na súa última edición un acontecemento extraordinario cos máis cativos como protagonistas. Tratouse da entrega de agasallos (libros e material escolar) ao alumnado dos tres colexios de Melide que participou no concurso de debuxo “O comercio da túa vila”. Este certame foi organizado por Asetem en colaboración coas Anpas dende o convencemento de que “cómpre coñecer dende cativos as vantaxes do comercio de proximidade e a importancia que ten no desenvolvemento de calquera vila”, indican dende a patronal.

Na entrega de agasallos participaron o presidente e a xerenta de Asetem, Manuel Vázquez e Pilar López, xunto coa alcaldesa de Melide e a concelleira de Benestar, Dalia García e Chus Mourón.

 

Clientes premiados con vales de 500, 80, 80 e 80 euros:

 

500 euros    80 euros     80 euros    80 euros bis