O Ministerio de Medio  Ambiente elude realizar calquera tipo de intervención no proceso para excluír o polígono industrial de  Melide da Rede Natura 2000 e bota a pelota enriba do tellado da Xunta de Galicia, que terá a última palabra á hora de descatalogar os terreos da Madanela.

En resposta á solicitude realizada pola asociación de empresarios comarcal (Asetem) para iniciar o proceso de descatalogación, a Dirección General de Medio Natural argumenta que é a administración autonómica “la competente en esta materia” e recorda que foi a propia Xunta quen no seu día lle propuxo á Unión Europea o catálogo de zonas que deberían ser      protexidas.

En concreto, o Ministerio apunta á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, departamento ao que xa remitiu as demandas formuladas por Asetem “a los efectos de realizar las gestiones necesarias de cara a evaluar la posible exclusión del polígono industrial “.

 

A ampliación é posible

Na misiva enviada á patronal, o Ministerio de Medio Ambiente realiza unha serie de consideracións en base á normativa vixente das que se deduce que o cambio de catalogación dos terreos, de cara a ampliar nun futuro o polígono, é un obxectivo alcanzable.

De feito, partindo da Directiva de Hábitats, destaca que na súa xestión a Rede Natura “ha de tener en cuenta las exigencias económicas, sociales y culturales” e engade que “en si misma no implica limitaciones de uso ni de desarrollo económico e industrial”, aínda que isto debe estar supeditado “a una conservación favorable de los elementos naturales”. Por outra banda, puntualiza que o desenvolvemento de calquera programa ou proxecto que afecte “de forma apreciable” aos lugares protexidos “ha de someterse a una adecuada evaluación de sus repercusiones en el lugar”, tal e como está establecido na Ley del Patrimonio Natural y Biodiversidad.