A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) quere darlle unha maior dimensión á feira grande da vila e con tal intención está xa a traballar para incorporar a maquinaria agrícola e industrial á súa oferta.
A idea, que foi ben recibida polo Concello e conta co apoio do goberno local, será unha realidade a principios de 2015. O escenario escollido para a mostra é o Pazo de Exposicións e Congresos, que acollerá maquinaria agrícola e industrial, tanto nova como usada, ademais de recambios.
Inicialmente Asetem pensou en celebrar esta cita mensualmente, coincidindo coa feira grande, o último domingo de cada mes. Non obstante, tras consultar a opinión dos profesionais do sector interesados en participar, estase barallando a posibilidade de espazala no tempo e realizala cada dous ou tres meses.
O obxectivo do proxecto é reforzar a feira grande cun atractivo engadido e potenciar ao mesmo tempo a feira do gando: “sobre as oito da mañá os tratantes xa teñen todo o negocio feito”, explica o presidente da patronal, Manuel Vázquez, “por iso consideramos que a ese perfil de público lle podía interesar moito unha segunda parte con produtos orientados para a súa actividade profesional”. Por outra banda, Asetem cre que con esta iniciativa se cubrirá unha carencia, pois a maquinaria agrícola e industrial “é o único que lle faltaba ás feiras de Melide”.