Xa está a converterse nun clásico da antesala do verán. A ruta Melide de Tapas, organizada por Asetem-Cca, volve fiel á súa cita e faino nesta quinta edición cargada de novidades.

As datas e os horarios serán das poucas cousas que non cambien: será nas fins de semana comprendidas entre os días 13 e 28 de xuño cando os clientes poidan degustar os saborosos petiscos servidos por 20 locais hostaleiros da vila. Os horarios de degustación tamén serán os mesmos de sempre: venres de 20:00 a 23:00 horas e sábados de 13:00 a 15:00  horas pola mañá e de 20:00 a 23:00 pola noite.

 

Inicio na zona nova

A diferenza de anos anteriores, nesta edición a primeira fin de semana da ruta estará reservada en exclusiva para os bares situados na zona nova de Melide. Deste xeito, os días 13 e 14 de xuño tan só servirán tapas os seguintes establecementos: A Fundación, O Sapo Lambón, Café Bar Cantón, Bodegón Alongos II, Restaurante Novo Continente e Xamonería Os Garceiras.

Nas seguintes fins de semana sumaranse o resto de locais; os ubicados na zona dos viños.

Novo Continente

 

Un euro por tapa

Outra das principais novidades é que por primeira vez se cobrarán as tapas. Custarán un euro cada unha. A presidenta de Asetem-Cca, Sonia Valiño, sinala que se dá así resposta a unha demanda formulada dende hai tempo polos hostaleiros e explica que “o cliente non debe entender isto como unha carga, senón como unha garantía de que lle servirán tapas máis elaboradas e de maior calidade”.

Estilo

 

Aposta polo produto local

O queixo con denominación de orixe Arzúa-Ulloa cobrará especial protagonismo no Melide de Tapas. Tanto é así que este ano haberá un premio para o establecemento que mellor saiba integrar este produto na súa tapa. As outras dúas categorías a concurso serán a de Mellor Tapa e Tapa innovadora.

Para decidir cales son os petiscos premiados, contarase coa opinión dun xurado profesional, cuxo criterio contará un 50%, e cos votos emitidos polos clientes, que representarán o 50% restante.

Novo Valente

 

 Tapear e votar ten premio

No momento de consumir a tapa, os clientes recibirán unha tarxeta de votación na que tamén poñerán os seus datos de contacto e que depositarán nunha urna. Deste xeito, ademais de contentar o estómago, tamén entrarán no sorteo dun lote de produtos ibéricos de Distribuciones “O Carrizo”.

Agora ben, se a súa implicación é maior e proban polo menos o 50% das tapas en concurso, poderán optar a unha noite para dúas persoas no Pazo de Eidián (Agolada) con cea e almorzo incluídos máis a un lote de queixos Arzúa-Ulloa. Como se fai para entrar neste sorteo? Moi sinxelo: os consumidores terán que pedir ao inicio da ruta un pasaporte (pódese conseguir en calquera dos locais participantes). Nel aparecen as fotos de todas as tapas. A medida que as vaian probando e visitando locais, irán estampando o selo de cada un deles nese caderno. Se ao remate da ruta teñen, como  mínimo, dez selos, terán tamén dereito a entrar no sorteo. O pasaporte poderase entregar en calquera dos bares que participen na ruta.

 As dúas rúas

 

Os 21 do Camiño

Xa que esta edición do Melide de Tapas coincide coa media maratón Os 21 do Camiño, Asetem e a Asociación deportiva Cerne decidiron colaborar para ter un pequeno detalle cos corredores que participen nesta proba. Para eles haberá un pasaporte especial e só polo feito de probaren dúas tapas entrarán no sorteo dun premio sorpresa.

A fundación