O comercio de Melide sortea oito ceas para o Día dos Namorados’, ‘Trinta establecementos da vila participan na campaña de San Valentín que se desenvolverá entre os días 1 e 14 de febreiro

Un ano máis volve ao comercio melidense a Campaña do Día dos Namorados, organizada pola Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca). A promoción, na que participan 30 establecementos da vila,  consiste no sorteo de 8 ceas para dúas persoas. Desenvolverase entre os días 1 e 14 de febreiro. Durante ese tempo os comercios participantes repartirán un total de 6.000 boletos (200 por establecemento) entre os seus clientes.

A dinámica do concurso é moi sinxela: os consumidores recibirán un ou varios boletos por cada compra realizada. Deberán cubrilos co seu nome, apelidos e teléfono de contacto e depositalos nunha urna que atoparán no local correspondente.

O sorteo realizarase o 17 de febreiro ás 21:00 horas. Será en Ezequiel Eventos, na Travesía do Sol, número 7, en Melide. Extraeranse 8 boletos premiados. A cada un corresponderalle unha cea para dúas persoas nun establecemento hostaleiro da vila. Os ganadores deberán consumir a cea no mes seguinte á data de celebración do sorteo.