O IV “Melide de Tapas” achega a mellor gastronomía ás fins de semana de xuño ‘, ‘A Asociación de empresarios Terra de Melide pon en marcha por cuarto ano consecutivo o concurso gastronómico “Melide de tapas”. Nesta edición participan 18 establecementos hostaleiros da vila que ao longo das próximas catro fins de semana intentarán conquistar o padal dos clientes con orixinais e saborosas propostas.

Os venres e os sábados do mes de xuño serán os días nos que se poida degustar de xeito totalmente gratuíto, ao igual que sucedeu en edicións anteriores, as tapas a concurso. Serviranse ao realizar unha consumición en horario de 20:00 a 23:00 horas os venres e en horario de 13:00 a 15:00 polas mañás e de 20:00 a 23:00 polas tardes os sábados. A diferenza do ano pasado, e a petición dos propios hostaleiros, decidiuse ampliar media hora o tempo de degustación polas noites para facer máis relaxada a ruta polos diferentes locais.

 

Ampla oferta

Este ano, con 18 establecementos, mantense o nivel de participación de edicións anteriores. A presidenta de Asetem-Cca, Sonia Valiño, valora “moi positivamente” este feito e considera que é sintomático “da boa acollida que a ruta de tapas ten entre a clientela”. Pero máis alá do número de participantes, o éxito do concurso tamén se reflicte na calidade das tapas, que cada vez son máis elaboradas e orixinais; unha oferta tan variada como as categorías de premios aos que optan os establecementos en concurso: mellor tapa, tapa innovadora, tapa tradicional e tapa feita con produtos da terra.

A maiores destes galardóns haberá un premio especial que se sorteará entre aqueles locais que non resulten ganadores en ningunha das modalidades anteriores. Consistirá nunha sesión no circuíto termal do Hotel Balneario Río Pambre.

 

O cliente decide

Un xurado profesional que visitará de xeito anónimo os establecementos, axudará a decidir cales son as mellores propostas. Non obstante, tamén está nas mans dos clientes decidir quen gana, xa que poderán ir puntuando as tapas a medida que as proben. En calquera dos locais inscritos na ruta poderán facerse cun caderno de votación, que será selado no momento de consumir e valorar a tapa.

Se conseguen os selos de todos os establecementos, é dicir, se proban todas as tapas, poderán optar a interesantes premios. En concreto, entrarán no sorteo dunha noite para dúas persoas, con cea e almorzo incluídos, no Pazo de Eidián (Agolada), onde poderán gozar das novas instalación e servizos que este complexo hoteleiro rural acaba de incorporar á súa oferta. Outro dos agasallos consistirá nun completo lote de produtos ibéricos de primeira calidade cedidos por cortesía da empresa melidense Distribucións “O Carrizo”.

O nome dos hostaleiros e dos clientes ganadores darase a coñecer unha vez que finalice a ruta.