Uns 8.400 euros. Foi a cantidade total que repartiron a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) e o Cca Vila de Melide na entrega de premios da campaña de Nadal ‘Este Nadal toca en Melide’.
O acto, celebrado o pasado día 5 no Hotel Carlos 96 de Melide contou coa presenza de tódolos premiados e dos comerciantes que repartiron a sorte entre os veciños da comarca, ademais da asistencia da alcaldesa de Melide, Socorro Cea e da concelleira de Benestar e Igualdade, Casé Rodríguez.
En total, arredor de 60 persoas arrouparon a comerciantes e premiados no evento de peche da primeira campaña conxunta que fan as dúas patronais do comercio melidense.
Precisamente a este feito referíronse tanto a presidenta de Asetem, Sonia Valiño, como a de Vila de Melide, Rosa Cabado. Valiño destacou o “especial que foi esta campaña para min, pois foi a primeira que fixen como presidenta de Asetem”. Ademais, recalcou a importancia de mercar en Melide, para que empresas e establecementos comerciais da vila poidan seguir medrando. Insistiu en que Melide debe converterse nun “gran centro comercial aberto”.
Neste punto coincidiu con Cabado, quen comprometeu o traballo “conxunto” das dúas asociacións para que o comercio melidense “poida seguir vivo”. Neste sentido, tamén recoñeceu e agradeceu a colaboración do Concello de Melide no desenvolvemento desta campaña de Nadal.
Pola súa parte, Cea resaltou a importancia de que “o comercio de Melide estea unido” e de que se sigan facendo campañas deste tipo.
15 días para mercar
No evento entregáronse os vales de compra correspondentes a 21 dos 26 premios que convocou a campaña.
Os agraciados terán agora un prazo de 15 días para canxear os vales nos comercios que participaron na campaña. Pola súa parte, os comerciantes tamén terán un marxe de 15 días despois de que o cliente faga a compra para depositar a factura nas oficinas de Asetem.